Santa Trega

A primeira cidade

O urbanismo galaico

En xeral considérase que durante a Idade do Ferro do noroeste non podemos afirmar que exista un urbanismo coma tal, pero en Santa Trega esa aseveración non é aplicable. Aquí, a partir do século II a. n. e., desenvólvese unha complexa organización do espazo con aterrazamentos, rúas, alxibes e canalizacións de augas pluviais. O poboado divídese en barrios delimitados por murallas internas nos que se diferencian espazos públicos e privados. Todos estes elementos son planificados antes de comezar a construír, aproveitando e transformando a configuración natural do monte.