null Historia de las excavaciones - Santa Trega

Santa Trega

A primeira cidade

_Historia de las excavaciones

1914-1923

En 1914, Ignacio Calvo Sánchez realiza a primeira campaña de escavacións, delimitando por primeira vez o xacemento e levantando o primeiro plano. En 1918 lévase a cabo outra campaña de escavacións, aínda que se descoñece quen as dirixiu. En 1918 volve escavar Ignacio Calvo, cando se recuperan un novo grupo de vivendas e obxectos que pasan a formar parte do museo. Escávase o «concheiro» e descóbrese parte da muralla. Estas escavacións recóllense en diferentes publicacións. En 1919, 1921 e 1923 realízanse novas escavacións. Na última aparece un dos elementos máis destacados do Trega: a Porta Norte. A zona onde Ignacio Calvo realizou as súas escavacións coñécese hoxe en día como Barrio Calvo ou Sector Norte.

1928-1933

As intervencións de Cayetano de Mergelina y Luna céntranse na parte oriental do xacemento, aínda que tamén intervirá no Barrio Calvo e na Porta Sur. Nas súas escavacións participan José Filgueira Valverde e Sebastián González García-Paz, que realiza debuxos e bosquexos das estruturas exhumadas. Esta escavación será a de maior repercusión mediática ata o momento. Ao ano seguinte continúan as escavacións e aparece a espada de antenas de bronce que se conserva no museo. En 1930 proxéctase a busca da necrópole do Trega, con resultados negativos, aínda que aparece unha das pezas máis representativas do castro: o remate dun torque de ouro. En 1931 decláranse Monumento Histórico Artístico as «Ruinas de Santa Tecla». En 1932 retómase a actividade, aínda que se descoñece se en forma de escavación ou de estudo de materiais. En 1933 ten lugar a última escavación de Mergelina, na que volve participar Sebastián González, mais non sabemos en que sector se intervén. Os resultados das campañas de 1928 a 1933 foron publicados por Mergelina en 1945.

1952-1972

O encargado destes 20 anos de escavacións será Manuel Fernández Rodríguez. En 1952 realízase unha limpeza xeral do xacemento e a primeira limpeza de acacias, especie invasora e moi problemática actualmente. Grazas á prospección arqueolóxica efectuada documéntase un importante volume de material arqueolóxico. En 1953 escávase un sector contiguo ao Sector Norte/Calvo onde se recupera, entre outros materiais, un coitelo afalcatado. En 1955 continúan os traballos ata a súa paralización en 1959 por motivos económicos. Grazas ás actas da Sociedad Pro-Monte sábese que en 1960 se volve escavar, pero descoñécense os resultados. En 1961 descóbrese toda a muralla que rodea o Sector Norte/Calvo, que se continúa escavando no ano seguinte. En 1963 ten lugar unha pequena campaña con achados de escasa importancia e abandónanse os traballos ata 1967. En 1968 ten lugar a décima campaña de Manuel Fernández, que continúa a do ano anterior, pero ignoramos os seus resultados. Proséguese con pequenas campañas ata 1972, das cales descoñecemos os resultados, aínda que parece que se centran na parte alta do castro.

1983-1988

Esta nova etapa de escavacións foi posible grazas á colaboración entre o Concello da Guarda e a Sociedad Pro-Monte. Realizáronse seis campañas consecutivas dirixidas por Antonio de la Peña Santos. Os traballos centráronse no Sector Norte/Calvo. A diferenza das escavacións anteriores, estas realizáronse coa adecuada metodoloxía arqueolóxica, que puxo ao descuberto novas cabanas e estruturas de interese. Entre os materiais recuperados destacan dous cuncos de vidro polícromo denominados millefiori, un deles case enteiro, o que o converte nun dos mellores conservados de toda a Península Ibérica. Durante esta época estableceuse unha correcta caracterización tipolóxica e cronolóxica do xacemento a partir dos resultados obtidos. Definiuse o castro de Santa Trega como un asentamento dunhas dimensións fóra do común e cun período de ocupación dende o século I a. n. e. ata finais do século I. Rematadas as escavacións, realizouse a consolidación-restauración das estruturas exhumadas por parte da Dirección Xeral de Patrimonio (Xunta de Galicia).

2015-2016

Esta intervención, promovida pola Deputación de Pontevedra, ten lugar tras 30 anos sen escavacións e centrouse no acondicionamento e re-lectura do Sector Central/Mergelina, xa escavado nos anos 30 do século XX. Os resultados foron moi positivos, non só pola documentación de estruturas que levaban máis de 70 anos escavadas, senón porque se logrou unha nova perspectiva do xacemento cambiando por completo a visión preconcibida que del se tiña. A partir de agora proponse unha ocupación máis antiga, podendo diferenciar tres fases de ocupación que abranguerían dende o século IV a. n. e. ata o século I.

2017

Realízase a consolidación-conservación das estruturas exhumadas na campaña de escavacións de 2015-2016 promovida pola Deputación de Pontevedra. Durante os traballos efectuados documéntanse unhas escaleiras realizadas en pedra que darían acceso a un piso superior nunha das vivendas.

2020

O CSIC leva a cabo unha pequena intervención, financiada polo Concello da Guarda e a Deputación de Pontevedra, que se centra na Porta Sur e no «concheiro».