Monte do Castro
A fin dunha cultura
_Historia de las excavaciones
A Deputación de Pontevedra promoveu seis fases de intervención arqueolóxica entre os anos 2011 e 2018.
As diferentes fases de intervención arqueolóxica van achegando datos novos e aumentando a superficie total escavada. Estas fases concibíronse por sectores, que se corresponden con áreas funcionais diferentes do castro:
2011
Escávase a área habitacional, composta por varias cabanas circulares e ovaladas, e mais a área artesanal, e documéntanse estruturas relacionadas co traballo metalúrxico; por último, unha área de almacenaxe na que se recuperaron ánforas para depositar viño ou aceite e grandes recipientes cerámicos (dolia) para conter cereais.
2012-2013
Escávase a zona da casa-patio na que se documenta unha intensa ocupación no século IV a. n. e. en estruturas de material perecedoiro e se define un posible espazo de uso público. Amplíase considerablemente o número de cabanas escavadas.
2014
Continúase coa redefinición dos espazos e estruturas escavados na fase anterior. Escávase a entrada monumental, onde aparecen o ídolo protector do castro e un depósito ritual. Documéntase o gran sector de almacenamento do excedente agrícola.
2015
Esta fase céntrase na escavación da parte alta ou croa do castro, onde se recupera o gran caldeiro de bronce, peza única na provincia de Pontevedra. Neste sector do castro é onde se documenta a ocupación puntual após o momento de abandono e se recupera un tesouro de 15 moedas romanas.
2016-2018
Durante estes anos ten lugar a consolidación e restauración das estruturas recuperadas nos anos anteriores.
2019-2022
Esta é a última fase emprendida ata o momento, e aínda en curso, que comprende o proxecto de musealización para lle dar acceso a este espazo á cidadanía e facer comprensible a complexa ocupación deste lugar no pasado.