null Itineario - A Cabecina

A Cabeciña

Do Bronce Final á Idade do Ferro

1. Petróglifos

Unha das expresións artísticas máis singulares de Galicia son petróglifos. Gravados rupestres ao aire libre que, a partir da Idade do Bronce, ritualizan, marcan ou compartimentan a paisaxe. No acceso ao xacemento atópanse varios afloramentos con gravados, sobresaíndo un por riba de todos. Neste encóntranse diversos motivos representados, destacando semicírculos concéntricos, ademais de figuras de forma ovalada ou feitura de ril, mesmo en forma de abano. Motivos similares aos aparecidos noutros puntos do Atlántico como a Bretaña francesa, onde destaca o dolmen de Gavrinis.




 

2. Muralla e foso

Os sistemas defensivos dos poboados da Idade do Ferro configúranse xa nos seus inicios. Fosos, parapetos e murallas pétreas conforman estes sistemas defensivos. Aquí consérvanse un foso con sección en «V» —aínda que recheo hoxe en día pola acción da sedimentación— e unha muralla pétrea. A muralla presenta unha largura de dous metros e para a súa construción aproveitou o afloramento granítico sobre o que se levanta o castro. Exteriormente a muralla preséntase en chanzos.






 

3. Primeira terraza e lacus

Espazo aberto, delimitado pola muralla e pola abrupta caída cara ao mar, punto no que se localiza un «bolo» granítico cunha gran cazoleta ou lacus que algúns investigadores relacionan cun espazo ritual pola súa forma e pola súa localización fronte ao mar e á posta do sol. Nesta terraza encontráronse nas escavacións abundantes materiais arqueolóxicos propios do Bronce Final e da I Idade do Ferro relacionados con estruturas en material perecedoiro (madeira e palla).




 

4. Segunda terraza

Durante as escavacións levadas a cabo neste espazo, encontrouse un maior número de estruturas. Non todas elas son do mesmo momento; destacan dous momentos ou fases de ocupación. Unha, caracterizada por cabanas circulares, casas, con paredes lucidas típicas da II Idade do Ferro, con pavimentos de terra batida ou de granito meteorizado. Outra, definida a partir da existencia dun gran vertedoiro cerámico onde aparecen materiais indíxenas e romanos mesturados.



 

5. Croa

O punto máis elevado do poboado e dende o que existe unha vista dominante do xacemento e do tramo de costa que se estende cara ao sur. Ocupado na súa maior parte por grandes «bolos» graníticos sobre os que era imposible que se construíse ningunha estrutura. En varias desas rochas aparecen, de novo, gravados rupestres, hoxe en día moi erosionados. Este feito confírelle á croa ou acrópole un posible carácter simbólico.



 

¡Lo que no te puedes perder!

Real Mosteiro de Oia (Oia)

É o único mosteiro da orde de Císter á beira do océano Atlántico. Esta situación estratéxica permitiulle xogar un papel importante na defensa da costa. As súas orixes remóntanse ao século XII e dende aquela ten sufrido numerosas reformas e modificacións que configuraron o seu aspecto actual. O percorrido polo edificio é un itinerario pola súa historia e os seus personaxes. A visita guiada ao Mosteiro inclúe tamén a exposición permanente dos grafitos dos presos republicanos entre os anos 1937-1939 en que funcionou como campo de concentración.

Enlace web

Baiona (Baiona)

Vila mariñeira coñecida entre outras cousas por ser o primeiro porto europeo no que se anunciou a «descuberta do Novo Mundo» por parte de Alonso Pinzón, que capitaneaba a carabela Pinta. É posible visitar unha réplica desta carabela. Un paseo polo seu centro histórico transpórtanos á Idade Media. Paga a pena visitar a excolexiata de Santa María, a capela de Santa Liberata, o Hospital Sancti Spiritus ou a Virxe da Rocha, con espectaculares vistas á vila e ao Atlántico.

Enlace web

Pozas de Mougás (Oia)

Piscinas naturais na Serra da Groba. O río Peito e os seus afluentes combinan a velocidade e a forza das súas fervenzas coa tranquilidade e paz das pozas. Forma parte do percorrido da Ruta Máxica de Oia.

Enlace web

Petróglifo de Auga dos Cebros (Oia)

É o único petróglifo coñecido na Europa Atlántica onde se representa unha embarcación de orixe mediterránea. A tal representación nun contexto atlántico é unha mostra das relacións que se establecen dende época prehistórica entre a cultura atlántica e a mediterránea.

Enlace web

Cabo Silleiro (Baiona)

O primeiro faro situado neste cabo inaugúrase en 1866. O faro actual é de 1924. Dende el pódese ver a 40 millas de distancia e a súa sirena escóitase a 200 millas. É un dos puntos principais de orientación dos navíos que navegan por estas augas. O faro non é visitable, pero paga a pena achegarse e visitar a contorna

Enlace web