null Itineario - A Lanzada

A Lanzada

Duración aproximada: 45 minutos

1. Con do Cabalo

É o punto máis alto do xacemento. A súa elevada situación permite contemplar a extensión total do xacemento, dende o sector desaparecido baixo as casas da outra banda da estrada ata o cabo, no que se conservan os restos dunha das torres da fortaleza medieval e a capela. Dende aquí obsérvase o areal da Lanzada, que no momento de ocupación do xacemento non existía, o que facía deste lugar un punto estratéxico para o control de todo o tráfico marítimo que, dende o sur, accedía á ría de Arousa.


​​​​​​​
 

2. As cabanas oblongas

O xacemento sempre se definiu como un «castro atípico», pois non conta con restos de defensas, e no sector que aquí se atopa as construcións dominantes non son as típicas cabanas circulares dos castros; aquí combínanse formas circulares, oblongas ou rectangulares. De todas elas só hai dúas que poden ser consideradas vivendas: as dúas estruturas oblongas localizadas na parte central do xacemento e que se poden datar nos séculos III-II a.n.e.


​​​​​​​

 

3. Factoría

Datadas nos séculos III e II a.n.e. por carbono 14, estas estruturas nada teñen que ver con outras galaicas da Idade do Ferro do noroeste da Península Ibérica. Estamos ante os restos dunha factoría de salga, construída e operativa antes da chegada de Roma a terras galaicas. Articúlase arredor de dúas grandes edificacións, unha de planta rectangular, posiblemente un almacén, e outra de planta aínda indefinida arredor da cal se agrupan pequenas balsas de arxila nas que se fabricaban salsas de peixe.


​​​​​​​
 

4. Espazo inferior

Debaixo de case dous metros de area de duna atópanse unha serie de estruturas que conforman unha agrupación difícil de definir funcionalmente. A priori presenta moitos paralelismos coas unidades familiares que existen nos grandes castros galaicos a partir do século II a.n.e., pero a presenza de grandes fornos no seu interior e a escaseza de restos de elementos da vida cotiá no seu interior levan á arqueoloxía a pensar nun espazo produtivo máis que nun espazo de habitación.


 

5. Igrexa

Superpoñéndose a estruturas anteriores, documéntase esta de planta rectangular. Sábese que foi construída no século IV e que, cando menos no século V, seguía en uso. Ademais, vinculados a este edificación apareceron tres enterramentos de adultos, datados no século V por carbono 14. As cerámicas atopadas no seu interior (cerámicas de luxo fabricadas na actual Tunisia e empregadas nas celebracións cristiás primitivas) e os enterramentos asociados levan á arqueoloxía a definir este edificio como unha pequena igrexa primitiva.


​​​​​​​
 

¡Lo que no te puedes perder!

Praia da Lanzada (O Grove)

É unha das praias máis emblemáticas de Galicia. Ten unha extensión de máis de 2 km. Ideal para pasear ou practicar deportes acuáticos como o surf. Cerca dela atópase a zona intermareal de Umia-O Grove, de grande interese ornitolóxico.

Enlace web

Monte Siradella (O Grove)

É o punto máis alto da península do Grove e un miradoiro sobre a ría de Arousa e o océano Atlántico. Dende aquí podemos enxergar as illas Cíes, a illa de Ons e a enseada do Vao.

Enlace web

As Telleiras de Vilalonga (Sanxenxo)

O espazo Intermareal Umia-O Grove foi aproveitado durante centos de anos para a extracción de arxila sedimentada co fin de fabricar obxectos de cerámica, como ladrillos e tellas, nas denominadas «telleiras». A súa importancia foi clave no desenvolvemento económico da comarca ata que as novas enerxías, a competencia estranxeira e os novos materiais forzaron o peche ou a transformación de moitas destas fábricas.

Enlace web

Ermida de Nosa Señora da Lanzada ()

Foi construída no século XII-XIII e levantada sobre unha anterior, ligada á fortaleza de defensa da costa durante o século X. Testemuña de batallas durante a Idade Media é destruída polos Irmandiños no século XV e abandonada. Só se conserva o templo e as ruínas dunha das torres da fortaleza: a Torre da Lanzada. A capela é de estilo románico e consta dunha nave e unha ábsida semicircular. Destaca o rosetón da fachada principal, orientada ao mar e ao solpor. Arredor dela existen diversas lendas relacionadas co mar e rituais de fertilidade. O último domingo de agosto celébrase unha romaría multitudinaria en honor á Virxe.

Enlace web

Pazo de Quintáns (Sanxenxo)

O Pazo de Quintáns ou Pazo do Casal é propiedade do concello de Sanxenxo dende o 2006. A súa orixe remóntase a unha torre de finais da Idade Media que ocuparía o actual terreo do pazo. Tras a recente obra de rehabilitación, que recuperou o pazo, a capela, o hórreo e os terreos anexos, está previsto situar aquí o futuro Centro da Cultura Gastronómica do Salnés.

Enlace web