null Itineario - Adro Vello

Adro Vello

De factoría a mosteiro…?

1. O extremo leste e o muro de pedras de cantería almofadadas

Neste espazo tan limitado superpóñense moitas estruturas con funcionalidades diferentes. Quizais a máis complexa de delimitar sexa a vila tardorromana que aquí existía. Dende este punto, pódese contemplar o impresionante muro construído con pedras de cantería almofadadas que pecharía o espazo na zona máis próxima ao mar, se cadra para evitar os seus embates. Cronoloxicamente parece datarse entre os séculos III e IV e non existen paralelos en Galicia para unha construción destas características.





 

2. Unha torre…?

É a base dunha construción de planta cuadrangular de dimensións modestas. A interpretación dada pola investigación arqueolóxica pona en relación cunha torre destinada ao control e defensa do lugar contra as invasións normandas na alta Idade Media, de modo semellante a outras construcións da contorna, como a torre da Lanzada (Sanxenxo). No entanto, tamén se pensa que poderían ser os alicerces da «espadana» ou campanario da igrexa existente.







 

3. A igrexa e a necrópole

Son os dous elementos de maior duración no tempo de todas as construcións aquí existentes. Parece que a fundación da igrexa se produce no século VI ou VII (aínda que os restos visibles actualmente son adscribibles á baixa Idade Media) e é abandonada no século XVII. Ocupa a parte central do xacemento e é un edificio rectangular cunha soa nave e cabeceira cadrada. Asociada á igrexa aparece a extensa necrópole/cemiterio, onde se documentaron máis de 1600 inhumacións.





 

4. A factoría de salga

Da factoría descubríronse 4 pías arredor dun patio. Parece datarse entre finais do século I e inicios do II. As pías presentan unha forma cuadrangular cunhas dimensións de 1,5 x 1,5 m de planta e 1,5 m de profundidade. Os restos da factoría esténdense cara ao sur (terra dentro), xusto por baixo da actual estrada de acceso á zona e que actualmente protexe os restos.




 

¡Lo que no te puedes perder!

Con da Hedra (O Grove)

É o segundo punto máis alto do Grove, despois da Siradella. Dende este recanto é fácil albiscar parte das illas que forman o Parque Nacional das Illas Atlánticas: Cíes, Ons e Sálvora. Tamén algunhas das praias máis coñecidas da comarca, como son A Lanzada, Area da Cruz ou Raeiros.

Enlace web

Acuario do Grove (O Grove)

Espazo temático, científico e divulgativo. No seu percorrido polas profundidades do mar poderemos comprender e interpretar o ambiente e a cultura da tradición mariñeira de Galicia. Nel encóntranse representados os ecosistemas mariños das Rías Baixas e o Parque Nacional das Illas Atlánticas.

Enlace web

Pedras Negras (O Grove)

A ruta de Pedras Negras percorre a costa de San Vicente do Mar entre natureza, pequenas calas e conxuntos rochosos. Arrinca do Porto Deportivo de Pedras Negras e finaliza na zona de Con Negro, á altura da antiga base militar. Neste punto é posible volver sobre os nosos pasos ou continuar a senda cara á batería de costa de Puerto Cuaces.

Enlace web

Lonxa do Grove (O Grove)

Na lonxa, xestionada pola confraría de pescadores San Martiño, é onde se produce a primeira venda dos produtos que o mar ofrece e que cada día extraen mariñeiros e mariscadoras da ría de Arousa. Pódese visitar de modo guiado, observando como chegan o peixe e marisco capturados ao longo do día, como se pesan e etiquetan e como se preparan para a poxa que se realiza pola tarde.

Enlace web

Museo da Salgadeira de Moreiras (O Grove)

Centro museístico situado nunha antiga fábrica de salga e onde se mostran a vida e os traballos do mundo da pesca en Galicia, tales como o proceso de salga, as artes de pesca e o marisqueo, as conservas, a arte de facer nós e cordas, a carpintería de ribeira e os aparellos de navegación.

Enlace web