Alto da Cruz do Castro
A volta aos castros
1. A calzada ou orredoira
O xacemento atópase rodeado por varias vías de comunicación tradicionais como a que aquí arrinca. É un camiño de lousas no que se poden ver mesmo as rodadas dos carros que por el circulaban. Tradicionalmente, este tipo de construcións definíanse como calzadas romanas, pero sábese que son camiños tradicionais de época medieval ou moderna. Neste caso, ademais de comunicar diferentes núcleos de poboación, dáballes servizo a varios muíños e acceso a terras de labor hoxe abandonadas.
2. Ao pé do castro
O Alto da Cruz é unha elevación de 475 m, un dos extremos dunha das dorsais occidentais da Serra do Cando; os cumes máis altos na zona superan os 700 m. O «alto» coma tal é o resultado da configuración levada a cabo polos construtores do castro para dotalo dunha fácil defensa, acentuando nalgún sector os desniveis mediante a construción dun parapeto ou terraplén artificial.
3. O dominio visual do val
O Alto da Cruz é un miradoiro estratéxico fronte ao monte, as brañas e os rabaños en semiliberdade de vacas e cabalos que predominan nas terras máis altas, pero tamén fronte a ladeiras e terras baixas ideais para o aproveitamento agrícola. Dende esta posición contrólanse visualmente os cursos de dous ríos: o Almofrei e a cunca media-baixa do río Lérez, enxergando no horizonte as formas redondeadas das ribeiras da ría de Pontevedra.
4. Un muíño de vento
A súa construción dátase a comezos do século XX. É unha das poucas construcións preindustriais que deste tipo existen aínda en Galicia. As aspas colocábanse cara ao norte, de onde recibía o vento, e tiñan varias fileiras transversais de taboleiros de madeira nos extremos. Deste xeito facíase mover de forma bidireccional toda a árbore de engrenaxes e piñóns, tamén de madeira, ata xirar a moa (que aínda se conserva no interior) que moía o gran.
¡Lo que no te puedes perder!
Muíño da Igrexa (Cerdedo-Cotobade)
O municipio é famoso polos seus canteiros, que traballaban a pedra, o que se ve reflectido na súa arquitectura tradicional, camiños empedrados ou pontes. Destaca a abundancia de muíños, canles de auga e lavadoiros grazas aos ríos que atravesan o municipio, como o Almofrei, o Lérez e o Barbeira. O muíño atópase a escasos metros do xacemento, continuando por un camiño tradicional.
Conxunto gravados ruspestres de Fentáns (San Xurxo de Sacos)
É unha área arqueolóxica formada por preto de trescentos gravados ao aire libre. Unha das estacións máis coñecidas é a Pedra das Ferraduras, onde está representado un dos mellores exemplos de pegadas de cérvidos e bóvidos que se conservan.
Observatorio Astronómico de Cotobade ()
Xestionado pola Asociación Sirio, promove actividades relacionadas co mundo da astronomía, como charlas didácticas para o manexo de telescopios, reloxos de sol e outros instrumentos astronómicos. Conta coa última tecnoloxía e cun planetario provisto dunha cúpula de 4 metros de diámetro.
Monte Seixo ()
Entre A Lama e Cerdedo-Cotobade, este monte es particularmente rico en formacións xeolóxicas creadas polo xeo, a auga e mais o vento. Hai lugares como o de Portalén, preto da capela de Santa Mariña do Seixo, onde este fenómeno orixinou insólitos puntos de apoio entre as penas e que a cultura popular converteu en lugar de rito.
As Neveiras de Fixó (Forcarei)
O conxunto está formado por dúas neveiras de planta circular, semellantes a un pozo e de grandes dimensións. Estaban en uso no século XVIII e eran explotadas polos monxes do mosteiro de Aciveiro. Nos seus inicios, empregábanas para uso propio, pero posteriormente estableceron un activo comercio de neve para a conservación de alimentos e mesmo para uso médico. Forman parte da ruta que conduce ata a aldea abandonada de Grovas.