null Itineario - Castro de Penalba

Castro de Penalba

Duración aproximada: 20 minutos

1. A muralla

O Castro de Penalba, un dos máis antigos de Galicia, datado entre os séculos IX e VIII a. n. e., está constituído por unha terraza e un recinto superior ou croa. A terraza inferior está rodeada e delimitada por unha muralla de pedra levantada sobre unha ribada de entre 3 a 6 m de altura. É un dos primeiros exemplos de monumentalización e fortificación dun poboado da Idade do Ferro na provincia de Pontevedra.


​​​​​​​
 

2. A terraza

As cabanas ocultas. A terraza coma tal ten unha anchura media de 31 m. Nas escavacións arqueolóxicas levadas a cabo documentáronse varias cabanas circulares e alongadas cuns diámetros de 5 a 6,5 metros. Caracterízanse por presentar lousados no seu interior con laxas de granito, sobre os que se dispuxeron os zócolos de cachotería para serviren de alicerces ás paredes e teitume, que estarán realizadas en materiais perecedoiros (madeira e barro). Estas cabanas eran espazos multifuncionais e empregábanse asemade como vivenda, almacén ou curral.


 

3. A capela de santo Antón

A actual capela construíuse no século XVIII. Ten unha planta rectangular cunha fachada na se abre unha porta con lintel e unha fiestra abucinada. Na parte superior, unha sinxela espadana remata o conxunto. A capela, que se dedica a santo Antón, disque foi construída sobre unha máis antiga da cal non se coñece a antigüidade, pero que, ao parecer, estaba dedicada a san Martiño. O 13 de xuño celébrase na ermida a romaría tradicional de santo Antón.


​​​​​​​
 

4. A Pedra da Serpe

No recinto superior do castro atópase unha gran laxa granítica que, como o seu propio nome indica, presenta un gravado que foi interpretado como dúas serpes, quizais nunha escena de apareamento. A interpretación desta representación é complexa, pero segue a ser un elemento vivo no folclore do lugar, pois segundo a tradición as parellas sen fillos que queiran ter descendencia deben copular alí a noite de San Xoán, levando como ofrenda unha cunca de leite para que o beban as serpes.


​​​​​​​
 

¡Lo que no te puedes perder!

Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro (Campo Lameiro)

A visita ao parque arqueolóxico inclúe o acceso a tres espazos diferentes. A exposición permanente, situada no Centro de Interpretación e Documentación, a área arqueolóxica en si, na que destacan conxuntos como Laxe dos Carballos, Outeiro dos Cogoludos ou Laxe da Forneiriña, e a reconstrución dun poboado do Bronce Final.

Este conxunto artístico incorporouse recentemente ao patrimonio cultural europeo a través do Itinerario Cultural Europeo, CARP, Camiños de Arte Rupestre Prehistórica, asociación amparada polo Consello de Europa que agrupa practicamente a todos os grandes destinos turísticos europeos baseados na prehistoria.

Enlace web

Mosteiro de Acibeiro (Forcarei)

O mosteiro é unha xoia do románico da provincia de Pontevedra. Fundouse no século XII; os primeiros monxes que chegaron foron bieitos e, entre os séculos XII e XIII, engadiuse a Orde do Císter. Por iso a súa arquitectura non segue estritamente o estilo cisterciense. É un do sete primeiros mosteiros que existiron na diocese de Compostela.

Enlace web

A Lapa de Gargantáns (Moraña)

Monumento megalítico formado por unha gran pedra alongada e fincada verticalmente no chan. Presenta gravados en forma de cazoletas e serpentiformes. A súa función delimitadora estaría relacionada na prehistoria con elementos funerarios, rituais ou espaciais, xa que nos seus arredores conflúen diferentes liñas naturais de tránsito.

Enlace web

Laxe da Rotea de Mendo (Campo Lameiro)

O motivo principal deste conxunto de petróglifos é a figura dun gran cervo macho, probablemente a maior de toda a arte rupestre galega, representado en posición parada, coa cabeza ergueita e a boca aberta coma se estivese a emitir o característico son da brama. Hai unha ruta que une este petróglifo co Castro de Penalba.

Enlace web

Curro de Sabucedo (A Estrada)

O curro de Sabucedo acolle no mes de xullo a celebración da Rapa das Bestas, que ten a finalidade de levar a cabo as tarefas de desparasitación interna dos animais, mellorando as condicións hixiénico-sanitarias dos cabalos salvaxes. O curro é o recinto onde se leva a cabo a rapa.

Enlace web