null Itineario - Castro de Toiriz

Castro de Toiriz

Duración aproximada: 30 minutos

1. O parapeto

Un importante elemento defensivo. Toiriz non foi escavado arqueoloxicamente nunca, mais está perfectamente definido pola súa orografía e o seu sistema defensivo. Os elementos que mellor se identifican neste castro silledense son os parapetos. Grandes acumulacións de terra ou desmontes que xeran un gran desnivel con intencións defensivas que se adoitan complementar coa existencia dun ou máis fosos. Nalgúns casos, coróanse con murallas pétreas que fan do poboado un auténtico fortín.


 

​​​​​​​
 

2. A croa

A realización dunha prospección xeofísica e xeomagnética neste espazo sinalou a existencia baixo terra dun abundante número de construcións. As plantas circulares e ovaladas detectadas poñen de manifesto que son edificacións propias da II Idade do Ferro do noroeste peninsular, construcións típicas dun castro de entre os séculos IV a. n. e. e I. É un espazo densamente ocupado que se recrea actualmente coa instalación de estruturas contemporáneas en superficie.

​​​​​​​
 

3. O val do río Toxa

A comunidade galaica que vivía en Toiriz tería posiblemente unha dedicación eminentemente agrícola, de aí a súa posición preeminente sobre as terras de cultivo que se estenderían e se estenden aos seus pés. Son as terras do fértil val aberto dos ríos Toxa e Escuadro, ambos os dous afluentes do Deza, que posiblemente na Idade do Ferro puidesen ser límites entre territorios de diferentes castros localizados na contorna, como o de Toiriz ou o veciño castro de Cascaxide.

​​​​​​​
 

¡Lo que no te puedes perder!

Mosteiro de Carboeiro (Silleda)

Mosteiro bieito construído no século X e situado na ribeira do río Deza. Obra arquitectónica do románico de transición a un gótico tardío, constitúe un dos monumentos máis característicos da arte medieval galega, influenciado polas manifestacións artísticas compostelás; en concreto, polo estilo que o Mestre Mateo desenvolveu na catedral de Santiago de Compostela.

Enlace web

A Fervenza do Toxa (Silleda)

O Sendeiro do Deza pasa polo mosteiro de Carboeiro e a fervenza, en caída libre, máis grande de Galicia, con 30 m de altura. A auga que cae é do río Toxa, afluente do Deza que lle dá nome á fervenza. O camiño faise atravesando unha mesta fraga de carballos, castiñeiros, bidueiros e outras especies autóctonas que forman unha paisaxe única que engaiola o visitante.

Enlace web

Pazo de Liñares (Lalín)

Pazo do século XVII que acolle o Centro de Xestión do Coñecemento Arqueolóxico (Deputación de Pontevedra), o Museo Galego da Marioneta e do Xoguete (Imaxina, Concello de Lalín) e a Sala Loriga, referente da aviación española.

Enlace web

Castro de Doade (Lalín)

No castro realizáronse varias intervencións arqueolóxicas promovidas pola Casa do Patrón, museo etnográfico onde se poden ver os materiais recuperados no castro. Nas escavacións localizáronse varias estruturas habitacionais, a muralla e un dobre foso escavado na rocha.

Enlace web

CastroDeza (Lalín)

Situado na planta baixa do Concello de Lalín, é un espazo de dinamización turístico-cultural. Está concibido como un museo virtual da cultura castrexa onde se dan cita lendas, castros e gastronomía.

Enlace web