null Itineario - Castro de Troña

Castro de Troña

Duración aproximada: 45 minutos

1. O foso

O sistema defensivo deste castro está formado por dúas murallas pétreas, de entre 2 e 4 metros de altura, que delimitan claramente dous recintos: un situado na croa ou acrópole do castro, moi alterada pola explanación artificial, e outro máis baixo que engloba parte do perímetro do anterior. Cara ao leste, a muralla vese reforzada por un gran foso escavado na rocha de 18 metros de altura e 10 metros de ancho, por onde discorre en paralelo o camiño de acceso, e dous parapetos de pequenas dimensións formados a base de pedras e terra.

​​​​​​​
 

2. Sector sur

Neste sector localízase a área artesanal do poboado. Aquí documéntanse varias cabanas de planta circular nas que apareceron indicios do traballo do metal polos habitantes deste castro. Nunha delas atopáronse numerosos restos de fundición de ferro, unhas tenaces de ferreiro e crisois de fundición. Tamén se documentou o traballo do ouro coa aparición, baixo o lousado dunha cabana do I a.n.e., dos restos dunha torta ou lingote de ouro e un fragmento da variña dun torque de ouro. É o único dos castros da provincia de Pontevedra onde se documentou, ata o de agora, o traballo de ourivaría de ouro. Neste sector tamén se localiza unha estrutura rectangular, empregada posiblemente para o almacenamento de cereais.

​​​​​​​
 

3. Capela do Doce Nome de Xesús

No alto da croa sitúase a capela construída no século XVIII dedicada ao Doce Nome de Xesús. É unha capela de estilo barroco e planta rectangular dunha soa nave con bóveda de canón. Nas proximidades da capela localízase un anexo empregado para pasaren a noite as persoas que acudían en romaría o terceiro domingo de xaneiro e mais o 6 de agosto polo camiño que conduce dende Pías á capela. Na parte dianteira da capela hai un miradoiro con vistas a todo o val do Tea, o que nos dá unha idea do control do territorio que se podería exercer dende o castro.

​​​​​​​
 

4. A Pedra da Serpe

Localízase no primeiro sector escavado do castro a principios do século XX, nun afloramento granítico da parte alta do poboado. É un gravado serpentiforme, en posición vertical e orientación leste. Na parte superior da rocha hai un suco ou canle horizontal que desemboca no gravado. A súa situación na parte alta do castro e o motivo do gravado (un símbolo mitolóxico da saúde, a rexeneración ou a vida eterna para diferentes pobos antigos) leva a interpretala como un posible altar de sacrificios relacionado con rituais ou cerimonias de ofiolatría ou culto á serpe que os galaicos asimilan e reinterpretan.

​​​​​​​
 

​​​​​​​
​​​​​​​
 

5. Murallas e torreón

O poboado estaba protexido por dúas murallas. Unha primeira liña de muralla, que se localiza na croa do castro, e unha segunda, que se constrúe como consecuencia do crecemento do poboado e que se localiza na ladeira norte. Polo lado leste da primeira liña de murallas, moi próximo á pedra co gravado da serpe, documentáronse os restos dun torreón asociado a esta muralla que completaría o sistema de vixilancia, control e protección do poboado.

​​​​​​​
 

¡Lo que no te puedes perder!

Castelo de Sobroso (Mondariz)

A fortaleza medieval de Sobroso levántase sobre un promontorio rochoso na ladeira do monte Landín. Os seus muros foron testemuña de numerosas batallas, intrigas e loitas de poder entre familias nobres e foi lugar de paso de reis, raíñas, trobadores, peregrinos ou camiñantes. Alberga entre as súas paredes historias, segredos e lendas que a súa musealización pon ao descuberto para darnos a coñecer a historia do castelo e dos seus habitantes.

Enlace web

Mondariz-Balneario (Mondariz-Balneario)

Este concello, o máis pequeno de Galicia, concentra múltiples marabillas patrimoniais, históricas e naturais. O balneario, referente termal en Europa dende finais do XIX, ofrécenos augas terapéuticas e mineromedicinais. Nos seus arredores atopamos lugares para perderse, pasear e desconectar, como as ruínas do xardín do antigo Gran Hotel, a fonte da Gándara, a fonte de Troncoso ou os paseos polo río Tea.

Enlace web

Museo Municipal de Ponteareas (Ponteareas)

Este museo, situado nunha antiga fábrica de curtidos, permítenos coñecer a historia de Ponteareas e a súa comarca. Aquí están expostos algúns dos materiais arqueolóxicos do castro de Troña (Ponteareas) ou algúns bronces romanos recuperados no Coto de Altamira ou Taboexa (As Neves), xunto con outros materiais procedentes de xacementos da comarca. Tamén hai unha sección dedicada á festa do Corpus Christi e ás súas alfombras florais, un dos signos de identidade da vila. E un último apartado no que se presentan personaxes nacidos aquí e que destacaron en diferentes eidos da vida política, social e cultural.

Enlace web

Monte da Picaraña ()

No Alto da Picaraña dispoñemos dun miradoiro dende onde se enxerga unha vista panorámica da comarca do Condado e o Castelo de Sobroso. É este un lugar de devoción dende tempos remotos onde se celebran grandes romarías. Un espazo cargado de certa maxia e misticismo. A lenda conta que aquí estivo situada a fortaleza que mandou construír Pedro Madruga para vixiar o castelo de Sobroso.

Enlace web

Senda do río Tea ()

Senda fluvial de máis de 17 km que discorre paralela ao río Tea. Ao longo de todo o percorrido pódese gozar do ecosistema do LIC Río Tea, así como do patrimonio cultural, praias fluviais e áreas recreativas.

Enlace web