null Itineario - Castrolandín

Castrolandín

Duración aproximada: 45 minutos

1. Fosos e parapeto

O actual acceso ao recinto principal do poboado realízase por unha pista moderna que corta o sistema defensivo polo sur. Neste punto pódese observar este sistema. É unha secuencia de dous fosos con posible sección en «V» e un impoñente parapeto de terra.

Estes elementos documéntanse en case todos os poboados da Idade do Ferro do noroeste peninsular, volvéndose máis complexos a partir do século IV a.n.e., momento no cal parece que se funda Castrolandín.


​​​​​​​
 

2. Interior da croa: casas circulares e rectangular

A intensa ocupación do xacemento pódese observar neste punto. Aquí temos tres estruturas circulares e unha rectangular pertencentes ás diferentes fases de ocupación do castro.

A primeira delas non é visible, porque é unha estrutura circular en material perecedoiro que está baixo as outras estruturas circulares visibles hoxe en día, que se constrúen no século II e I a.n.e.

A última fase está representada pola estrutura rectangular datada no século I. A diferenza das circulares está dividida por un tabique central. É a única vivenda existente para esta fase construída seguindo un patrón totalmente romano.


 

3. Interior da croa: casa-patio

Nun punto lixeiramente elevado da croa sitúase unha estrutura máis complexa composta por varias edificacións circulares agrupadas arredor dun patio. A súa funcionalidade coñécese a través dos restos arqueolóxicos alí documentados. Por iso se sabe que as tales estruturas consistían nunha casa definida pola existencia dunha lareira e un poste central de madeira e mais un almacén.

Esta «unidade habitacional», como a define a arqueoloxía, axuda a comprender as diferenzas sociais existentes no poboado, xa que, ademais de presentar unha planta distinta ás do resto recinto, está situado no punto máis visible do xacemento dende o val que se estende aos seus pés.


​​​​​​​
 

4. A porta de acceso

O poboado contaba cunha entrada disposta en chanzos e monumental, localizada ao oeste e defendida por dous torreóns, aínda que se foi modificando en varias fases.

É un acceso sinuoso que dificultaría o acceso ao interior do poboado, impedindo a entrada de carros e reforzando de paso o sistema defensivo. Este non só protexía os habitantes do castro, senón que tamén é unha mostra da complexidade socioeconómica que experimenta o mundo galaico a partir do século IV a.n.e.


 

5. Fóra de murallas

Nas últimas escavacións arqueolóxicas realizadas documentouse unha cabana circular de grandes dimensións. Sábese que se trata dunha vivenda pola existencia dun fogar central definido por unha prancha de arxila delimitada por unha serie de pedras fincadas. Ademais, os obxectos arqueolóxicos recuperados nela reforzan esta interpretación.

Este aspecto resulta importante non pola estrutura en si, moi semellante ás existentes na croa ou acrópole, senón polo que supón o punto no que estamos, totalmente fóra da muralla. Isto indica que a extensión de Castrolandín é moito maior do que se pensaba inicialmente, podendo mesmo multiplicar por dous as súas dimensións.


​​​​​​​

 

¡Lo que no te puedes perder!

Fundación Terra Termarum Castrolandín (Cuntis)

Centro de Interpretación do xacemento arqueolóxico de Castrolandín e Taller de Investigación e Recuperación da cerámica castrexa.

A Fundación ten como obxectivo difundir o coñecemento da cultura castrexa mediante a posta en valor do xacemento arqueolóxico de Castrolandín. Ademais, entre as súas actividades realizan obradoiros de cerámica e promoven a recuperación da celebración da festa de San Xoán, que se celebra no propio castro a noite do 23 ao 24 de xuño.

Enlace web

Burgas y Termas de Cuntis (Cuntis)

Existen un total de 19 burgas que percorren o solo da vila termal de Cuntis, aínda que só dúas están abertas ao público:

Burga da Rúa Real, situada na Rúa do Balneario. A temperatura da auga anda polos 53 ºC.

Burga Lume de Deus, situada na Praza de Galicia. A temperatura da auga anda polos 59 ºC.

Ademais das súas propiedades terapéuticas, están cualificadas como «augas minerais medicinais Sulfurado-Sódicas-Termais», que alivian as doenzas de tipo reumático, respiratorio e incluso cutáneo.

Enlace web

Carballeira de Vilameán (Cuntis)

Próxima á casa reitoral de San Fins de Estacas e á igrexa parroquial, esta enorme carballeira centenaria, outrora coñecida como «a tomada do cura», esténdese entre valados tradicionais e camiños empedrados. Nas proximidades localízase o viacrucis que, dende a igrexa parroquial, sobe cara ao monte, e o pombal e o canastro da casa reitoral.

Enlace web

Monte Xesteiras (Cuntis)

É un alto situado no concello de Cuntis de 716 metros de altura que limita cos concellos da Estrada e Valga, dominando as comarcas de Ulla-Umia e Tabeirós.

No monte Xesteiras pódense encontrar recantos singulares, entre os que destaca o Alto das tres Laguiñas, ou outros elementos como o curro de Xesteiras en Couselo, a Pedra da Aguia, as canteiras de Xesteiras e a Pedra dos Soldados.

Dende o máis alto pódense observar as Rías Baixas, a desembocadura do río Ulla, a zona de Santiago de Compostela, onde sobresae o Pico Sacro, e outras comarcas limítrofes.

Enlace web

Fervenza das Campaíñas (Cuntis)

Nas proximidades de Castrolandín localízase a Fervenza das Campaíñas.

O rego da Patela xunta as augas que baixan dos montes Cabalar, Sebil e Fental no concello de Cuntis. O río encáixase nun pequeno val e salva ata 200 metros de desnivel dende o lugar de Fuxacos, formando saltos de auga e freixas en todo o seu traxecto, entre as que destaca esta de Campaíñas.

Enlace web