Igrexa Vella
Duración aproximada: 30 minutos
1. Os alicerces da igrexa
A primeira igrexa construída neste espazo levántase no século V. Era unha pequena igrexa basilical de planta rectangular, rematada nunha sinxela cabeceira, tamén rectangular, orientada ao leste. Cara aos séculos VIII ou IX, o templo sofre un incendio, momento no que será ampliado. O edificio pasará a ter planta de cruz latina, reaproveitando a cimentación da fachada e dos muros laterais e derrubando a cabeceira. Un século máis tarde hase transformar no mosteiro de Santa Comba de Louro, que perdurará ata o seu abandono no século XVII, cando se constrúe a igrexa parroquial de Santa Comba de Louro.
2. Os enterramentos
Documentáronse dous momentos de enterramento no xacemento. O primeiro, no interior da capela inicial, onde aparecen varios tipos de tumbas. O segundo, asociado ao novo templo, onde se descobre aos seus pés unha necrópole na que se inhumaron case unha trintena de fieis. Gran parte das tumbas pertencen a persoas adultas, aínda que tamén hai algunha infantil. Ao norte, fóra da nave principal, tamén se atopou un sartego, así como sepulturas tapadas con laxes, sobre as que levantaron os muros da posterior capela e sancristía.
3. Unha estela romana reutilizada
Na fachada dunha das igrexas reutilizouse unha estela romana con epigrafía. As estelas, como a aquí documentada, son lápidas funerarias. Non é a peza completa; correspóndese só co cuarto inferior esquerdo desta e ten unhas medidas de 80 cm de alto x 40 cm de ancho. Conserva parte da súa cartela central, onde permanecen as últimas tres liñas e media do texto, cunha escritura en latín abreviada e pouco coidada.
4. O cruceiro
Un lugar de memoria. O cruceiro que se localiza na zona norte do xacemento é unha obra moderna, pero cun gran significado. Foi erixido neste lugar para recordar a existencia do mosteiro de Santa Comba de Louro antes de se iniciaren as escavacións. É unha testemuña que lles recordaba aos veciños de Valga que nese espazo existía un lugar que debían lembrar, un lugar de memoria.
¡Lo que no te puedes perder!
Museo da Historia de Valga (Valga)
O museo pretende divulgar o patrimonio natural e a historia do Concello de Valga, así como a figura da súa veciña máis ilustre, Agustina Carolina Otero Iglesias, máis coñecida como La Bella Otero. Historia, arte, xeografía e etnografía fan deste museo unha visita de grande interese cultural.
Capela dos Mártires (Valga)
A súa construción orixinal realizouse en época paleocristiá entre os séculos IV e V. Posteriormente, foi ampliada durante o s. XII en estilo románico, conservando parte do seu aspecto primitivo, borrado definitivamente nas reformas posteriores. Nos arredores, case enterrado entre a vexetación, atópase un sartego medieval.
Fervenza de Raxoi e muíños de Parafita (Valga)
Nunha contorna natural de enorme interese paisaxístico, formada polo paso das augas do río Valga, localízanse a fervenza, as pozas e o muíños, rodeados dunha mesta vexetación autóctona. Accédese por pasarelas e escaleiras de madeira.
Petróglifo da Pedra da Serpe (Valga)
Entre o Monte dos Penucos e o Monte dos Salgueiros atópase un gravado prehistórico en forma de varias liñas en zig-zag que poderían representar serpes relacionadas no pasado con ritos de fecundidade.
Monte Beiro ()
Dende o monte divísase unha fermosa panorámica que inclúe o val do Ulla na súa desembocadura formando a ría de Arousa, a Serra do Barbanza e os seus contrafortes, os montes de Oleiron, Meda ou Xesteiras. O piñeiral de repoboación mostra esparexidas corenta especies de árbores distintas, constituíndo o chamado Itinerario Botánico Forestal. No alto sitúase un muíño de vento. Forma parte do Ecomuseo de Valga, integrado por unha rede de lugares de interese natural da que tamén forman parte tamén as fervenzas do río Valga, a lagoa Mina Mercedes e a praia fluvial de Vilarello.