null Itineario - Mercado dos Mouros

Mercado dos Mouros

Duración aproximada: 30 minutos

1. Unha illa no río Ulla…?

Dende a prehistoria, o río Ulla sempre foi un curso fluvial destacado, como espazo ritual (nel realizáronse depósitos votivos de armas durante a Idade do Bronce) e, especialmente, como vía de comunicación. Mercado dos Mouros é unha pequena elevación sobre o río Ulla que, en tempos de mareas vivas, queda totalmente rodeada polas augas. Un pequeno asentamento fluvial que aproveitaba os recursos fluviais e agrogandeiros da ribeira, podendo mesmo funcionar como pequeno desembarcadoiro ou punto de comercio.


 

2. A ocupación do xacemento

Estruturas baixo a terra. Neste xacemento executáronse tres campañas de escavación nas que se documentaron diferentes estruturas, entre as que destacan: unha vivenda circular de máis de 5,5 m de diámetro construída en material perecedoiro (palla e barro) e na que apareceron cerámicas, un fragmento de muíño, pesas de teas, fusaiolas ou unha ánfora romana; unha estrutura rectangular construída en pedra (aínda que moi alterada) que se interpreta como un almacén, xa que nela se atoparon restos de ánforas e outras vaixelas de almacenaxe e, na zona máis achegada ao río, un muro que arrodea o xacemento e que se interpreta como muro de contención das augas para evitar o total asolagamento do espazo.


​​​​​​​

3. Un río navegable

Dende a propia desembocadura do río ata a actual poboación de Pontecesures, o río Ulla é un curso fluvial navegable. Na actualidade diferentes embarcacións navegan por el, pero tamén o facían na Antigüidade. Proba disto son os numerosos fragmentos de obxectos arqueolóxicos aparecidos nos diferentes traballos de dragaxe levados a cabo ao longo dos anos. Mais non só na Antigüidade; durante a Idade Media, os normandos desprazáronse polo Ulla para tratar de chegar ao interior de Galicia en varias das súas incursións.


​​​​​​​

¡Lo que no te puedes perder!

Torres de Oeste (Catoira)

Na Idade Media, este enclave foi un dos fortes máis importantes de Galicia. Controlaba o tránsito fluvial do río Ulla e foi clave na defensa da cidade compostelá. Actualmente consérvanse os restos de dúas torres e mais a capela. Nos seus arredores, de gran beleza paisaxística, rememóranse acontecementos vividos co desembarco viquingo o primeiro domingo de agosto.

Enlace web

Lagoa Mina Mercedes (Valga)

É unha antiga explotación de arxila a ceo aberto destinada á fabricación de ladrillo e reconvertida en lagoa. Dispón dun pantalán flotante e todo o seu perímetro está acondicionado para dar longos paseos e gozar da natureza e tranquilidade do lugar. Forma parte do Ecomuseo de Valga, integrado por unha rede de lugares de interese natural da que tamén forman parte as fervenzas do río Valga, o monte Beiro e a praia fluvial de Vilarello.

Enlace web

Monte Xiabre ()

A contorna conta con numerosas rutas e miradoiros que permiten coñecer todo o seu patrimonio histórico-paisaxístico. É o punto máis elevado da comarca do Salnés, dende onde podemos gozar dunha vista panorámica da ría de Arousa e as súas bateas.

Enlace web

Muíños de Vento de Abalo (Catoira)

No cume do monte Abalo atópanse os muíños de vento construídos a finais do século XIX, únicos en Europa polo seu dobre sistema de aspas. O lugar en que están ofrece unhas espectaculares vistas da ría de Arousa e da desembocadura do río Ulla, así como da Lagoa de Pedras Miúdas.

Enlace web

Igrexa de Setecoros (Valga)

Templo de orixe barroca con profundas reformas neoclásicas no século XIX como, por exemplo, a súa fachada. O campanario actual é aínda máis recente, xa que se construíu en 1910. No entanto, Setecoros constitúe un rexistro do paso do tempo dende o período denominado tardorromano ata o día de hoxe. Nos arredores da igrexa, podemos descubrir un fermoso e importante oliveiral con máis de 800 oliveiras.

Enlace web