Monte do Castro
Duración aproximada: 45 minutos
1. Entrada monumental
É a única entrada documentada no xacemento ata o momento. É unha grande entrada monumental en «L», que se vai estreitando a medida que se avanza cara á porta. Conta con varios elementos simbólicos que a ritualizan, como a estatua dun guerreiro, un depósito de cunchas e unha pequena ola cerámica completa, elementos que reforzan a devandita monumentalidade, mais que tamén teñen un claro compoñente protector.
2. Barrio da porta
Neste sector documentáronse sete estruturas diferentes, cinco de planta circular, unha ovalada e outra rectangular de esquinas redondeadas. Unha delas está relacionada co traballo metalúrxico. Outras cinco son claramente vivendas que presentan nos seus interior lareiras e, nalgún caso, un poste central para soportara cuberta. A de planta rectangular foi empregada como almacén e espazo de traballo. No seu interior é onde apareceu unha dolabra de época romana que se pode vincular co momento de encontro entre dúas culturas diferentes, a galaica e a romana.
3. Sector artesanal e almacenamento
Na parte central do aterrazamento documéntase unha pequena estrutura ovalada cun forno de fundición no seu interior. Isto, unido á aparición de numerosos restos metálicos, escouras e crisois para a fundición de bronce, fai posible identificar o espazo como un taller metalúrxico.
Neste sector, e por mor da intensa explotación cerealista que xera excedentes, constrúese unha grande estrutura tipo hórreo realizada en pallabarro para o almacenamento de cereais (millo miúdo, cebada, trigo ou centeo). O grande incendio que sofre o poboado no século I permitiu que a estrutura e o seu contido se conservasen calcinados.
4. Casa-patio
Neste punto privilexiado dende o que se domina visualmente unha parte importante do poboado levántase unha estrutura máis complexa que as demais e que se articula arredor dun gran patio. A súa posición dominante, a proximidade aos grandes espazos de almacenamento de cereal, un programa arquitectónico diferente e toda unha serie de obxectos de prestixio permítennos afirmar que pertenceu a un persoeiro ou familia destacado dentro da elite do poboado.
5. A Pedra da Santa
Na actualidade esta rocha atópase moi alterada pola extracción de pedra, pero a tradición popular sitúa neste punto un elemento singular. Aquí levantábase un gran penedo granítico con varios chanzos e un gran lacus do que partían catro canles cara a cada un dos puntos cardinais. Malia non se conservar case nada desa pedra orixinaria, a súa posición no punto máis alto do xacemento e a súa orientación, controlando visualmente a ría de Arousa e a posta de sol, levan a pensar que se trataba dun claro elemento simbólico e ritual.
¡Lo que no te puedes perder!
Ruta da Pedra e da Auga (PR-G 170) ()
É un dos catro sendeiros da rede de Rutas do Salnés. É un antigo camiño que daba servizo aos muíños e era usado polos romeus o luns de Pascua para chegar ao mosteiro de Santa María de Armenteira. Discorre ao longo do río Armenteira e permítenos gozar do patrimonio natural e cultural atravesando frondosos bosques, fervenzas, máis de 30 muíños, a Aldea Labrega ou o Serradoiro do Souto, cunha inusual serra de auga, para rematar no mosteiro de Armenteira.
Muíños do Batán (Ribadumia)
Ruta etnográfica e natural polo río Batán. Destacan os catro muíños construídos en desnivel para aproveitar a forza da auga para o seu funcionamento. Están todos restaurados, e nun deles é onde se representa o moenda na Festa do Pan do Salnés. As augas do río e as canles dirixen a auga de muíño en muíño ata desembocaren na praia fluvial.
Mosteiro de Armenteira (Ribadumia)
Antiga abadía de fundación cisterciense. Da época da súa construción só se conserva a igrexa mandada edificar polo seu primeiro abade en 1167, na que destaca o seu gran rosetón calado. Na actualidade o resto do edificio é o resultado de diferentes estilos arquitectónicos como o renacentista, barroco e neoclásico. Viven nel unha pequena comunidade de monxas cistercienses que se encargan do seu mantemento. Conta con hospedería.
Miradoiro e castelo de Monte Lobeira (Vilanova de Arousa)
O miradoiro, coñecido como o Balcón de Arousa, álzase a case 300 metros de altura no municipio de Vilanova de Arousa, coa súa aba norte en Vilagarcía de Arousa, o que permite ter unhas espectaculares vistas á ría de Arousa. No ascenso ao miradoiro podemos contemplar os restos do antigo castelo, que pertenceu ao arcebispo de Santiago de Compostela e que se alzaba na cima en época medieval e moderna para controlar o tráfico marítimo, ata que foi abandonado e destruído.
Cambados (Cambados)
Vila mariñeira, coñecida como a capital do viño albariño, onde se celebra a Festa do Albariño, Festa de Interese Turístico Nacional. Conta cun incomparable conxunto histórico-artístico, entre o que destacan o pazo e a praza de Fefiñáns, as ruínas de Santa Mariña, a torre de San Sadurniño ou o barrio mariñeiro de Santo Tomei. Forma parte da Ruta do Viño Rías Baixas. Nos restaurantes da zona pódense degustar as especialidades locais e os peixes e mariscos procedentes da lonxa de Cambados.