null Itinerario - A Subida

Itinerario de visita

A Subidá

1. A media ladeira, o control das terras de labor

Dende este punto existe un importante control visual das ricas terras de labor que se estendían ao pé do castro, moitas das cales seguen a cultivarse hoxe en día. Ademais, dende aquí vese un tramo da ría de Pontevedra, auténtica vía de comunicación na Antigüidade. Por iso, a localización do poboado neste «outeiro» non responde á casualidade, senón ao desexo de controlar e acceder a terras agrícolas fértiles, así como ao de dominar visualmente o territorio por razóns estratéxicas.


 

2. Cabanas

Aínda que non se vexan, este punto atópase dentro dos recintos amurallados do castro. Aquí existen tres estruturas de pedra aparecidas durante os traballos arqueolóxicos de escavación levados a cabo e que se datan entre os séculos I a. n. e. e o I. Dúas, coas típicas plantas circulares que definen as construcións da Idade do Ferro galaica, e a terceira cunha planta máis cuadrangular, aínda que con esquinas arredondadas. Todas elas conforman unha unidade doméstica, o que nos coloca ante unha casa, un almacén e un posible obradoiro. Nelas apareceron abundantes materiais arqueolóxicos que nos falan da vida cotiá, a metalurxia ou o comercio.


 

3. Almacén ou celeiro?

O castro da Subidá é un bo exemplo do aproveitamento que facían do medio os seus habitantes da Idade do Ferro, especialmente en relación coa agricultura. A aparición de numerosos muíños feitos en pedra, así como a desta construción circular, descuberta nas últimas escavacións levadas a cabo e interpretada como un celeiro, xa que non ten entrada a nivel do chan, así o testemuñan.


 

4. Petróglifo

Existen en todo o Monte das Sete Espadas ou da Subidá varios gravados rupestres da Idade do Bronce, un deles sobre as estruturas escavadas. Son motivos xeométricos, círculos concéntricos e pequenas cazoletas ou «coviñas» de difícil interpretación; motivos moi comúns dentro do repertorio formal dos petróglifos galegos.


 

¡Lo que no te puedes perder!

Museo Municipal Manuel Torres (Marín)

Museo constituído polas obras doadas polo artista Manuel Torres, nacido en Marín. A súa ampla traxectoria abrangue case todas as disciplinas e correntes: paisaxes, bodegóns, retratos e gravados, ademais de numerosos debuxos e esculturas. O espazo tamén ofrece exposicións temporais. Ademais, é centro para actividades culturais.

Enlace web

Petroglifos de Mogor (Marín)

Coñecidos popularmente como os «labirintos de Mogor». Aínda sendo os máis reproducidos e analizados de toda Galicia, presentan un motivo atípico no conxunto da arte rupestre galega, coñecéndose só cinco exemplos máis co motivo do labirinto, todos eles situados na provincia de Pontevedra. Os petróglifos están nunha zona axardinada que intenta recrear un ambiente arqueolóxico. Existen pasarelas que posibilitan a súa visión dende o alto, sen ter que pisar as pedras nin os gravados. Estas estruturas forman parte do Centro de Interpretación dos Petróglifos de Mogor. Próximo a eles está a praia de Mogor.

Enlace web

Lago de Castiñeiras ()

Situado entre os municipios de Vilaboa e Marín. De orixe artificial (foi creado en 1950), constitúe un verdadeiro paraíso natural salientable pola riqueza da súa flora e fauna. Forma parte do Parque da Natureza de Cotorredondo. Dende o miradoiro de Coto Redondo (Vilaboa) podemos ver a enseada de San Simón na ría de Vigo e, no seu extremo oposto, a ría de Pontevedra e a ría de Arousa. Como área de recreo conta con vieiros, fontes, parques infantís e áreas de descanso. A escasos metros do lago localízase o conxunto megalítico de Chan de Castiñeiras, no que destaca a Mámoa do Rei (Vilaboa).

Enlace web

Granxa de Briz (Parque dos Sentidos) (Marín)

Esta quinta era a antiga Granxa da Costa dos monxes do Mosteiro de Oseira (Ourense). Tras diferentes avatares históricos, en 1999 pasa a titularidade municipal e a ser denominada Finca de Briz. Hoxe en día é un lugar de recreo, lecer e pasatempo. Conta cunha zona de aventura, con lagos, tobogáns e xogos na natureza, unha lagoa natural e outra artificial, unha ladeira dos sentidos e un auditorio ao aire libre para concertos e espectáculos.

Enlace web

Pontevedra (Pontevedra)

Capital da provincia, posúe o segundo centro histórico máis importante de Galicia despois do de Santiago de Compostela. Foi galardoada a nivel internacional como unha das cidades europeas máis cómodas para vivir.

Enlace web