null Itinerario - Santa Trega

Santa Trega

A primeira cidade

1. Sector Calvo

Nesta zona iniciáronse as escavacións en 1914 e era xa visible a complexidade que o xacemento encerra. Aquí localízase unha das dúas portas de acceso ao poboado: a porta norte. Tamén dúas cabanas reconstruídas, imaxe icónica deste lugar. Son dúas casas que estarían integradas dentro dunha estrutura máis complexa; o que a arqueoloxía define como «unidade habitacional». A súa configuración, un tanto caótica, e a súa posición dentro do monte levan a pensar que foi a última ampliación do poboado.


 

2. Barrio Mergelina

Escavado nos anos 30 do século XX e reescavado recentemente. É este o sector cun proxecto urbanístico máis claro dentro de todos os visitables. Rúas que se abren en dirección norte-sur organizaban o espazo para que as familias que aquí viviron construísen as súas vivendas, almacéns ou obradoiros. Dentro deste lugar, e situada ao oeste, destaca unha estrutura de planta rectangular que se superpón a outras anteriores de planta circular. Este edificio interprétase como un espazo sacro ou de uso comunal.


 

3. Porta sur

Aquí localízase a segunda porta de acceso ao poboado, arquitectonicamente máis complexa que a situada ao norte, chegando mesmo a condicionar a disposición da muralla neste punto. A carón desta porta e no exterior da muralla sitúase un dos maiores «concheiros» do poboado. É unha acumulación de lixo conformada por un volume inxente de restos de cunchas —de aí a súa denominación—, restos de peixes e fragmentos de cerámica.


 

4. Cabanas na cima

A cima do monte destaca polas súas magníficas vistas e o seu dominio visual, mais tamén por presentar varias estruturas circulares que confirman que o monte estaba ocupado dende as súas cotas máis altas ata outras máis baixas próximas ao río. Debido á alteración sufrida ao longo dos séculos, aquí resulta máis complexo observar calquera indicio de urbanismo e lémbranos máis a outros poboados da Idade do Ferro da provincia de Pontevedra nos que non hai sinais de urbanismo.


 

5. Museo Arqueolóxico de Santa Trega (MASAT)

Creado en 1917 na vila da Guarda será trasladado ao seu edificio actual en 1944. Nel están depositados case todos os materiais arqueolóxicos aparecidos nas escavacións levadas a cabo dende 1914 ata hoxe en día. A través da exposición dos materiais máis representativos e dun coidado discurso, o MASAT non é soamente un espazo expositivo, é tamén un centro de interpretación do xacemento. Entre os obxectos expostos destacan as esculturas, os restos de ánforas e unha extensa colección de moedas romanas.


 

¡Lo que no te puedes perder!

Centro histórico da Guarda (A Guarda)

Un paseo polas súas rúas permítenos coñecer a arquitectura e o urbanismo do barrio mariñeiro coas súas típicas casas mariñeiras, estreitas, de varios pisos e de gran colorido, que, xunto cos diques, configuran o Porto como un animado punto de encontro grazas ás rúas peonís, terrazas e restaurantes que acollen a veciños e visitantes. A Lonxa atópase no peirao e pódese visitar os días laborables para observar as capturas de peixe e marisco. A frota guardesa do peixe espada está considerada como unha das máis importantes de España. A primeira fin de semana de xullo celébrase a Festa da Lagosta, Festa de Interese Turístico.

Enlace web

Castelo de Santa Cruz (A Guarda)

Este castelo forma parte das fortalezas e sistemas defensivos que se construíron no tramo final do río Miño no século XVIII durante a guerra de independencia entre España e Portugal. Paseando polo recinto amurallado, distintos paneis interpretativos e varias audioguías descargables dende un smartphone dannos a coñecer a historia da fortaleza en profundidade. O Centro de Interpretación axúdanos a comprender esta fortaleza no marco dun sistema defensivo moito máis amplo.

Enlace web

Museo do Mar (A Guarda)

Este museo sitúase nun edificio construído en 1997 e que recrea unha antiga fortaleza defensiva de planta circular, unha atalaia, situada no porto e que foi derrubada en 1945. As pezas nel expostas buscan dar a coñecer a tradición e vida mariñeira da vila da Guarda, por iso as persoas visitantes poderán contemplar as antigas artes de pesca, os aparellos empregados ou os testemuños dalgunhas destas xentes do mar recollidos en audiovisuais.

Enlace web

Salinas do Seixal (A Guarda)

Antigas salinas datadas no século I que formaban parte dunha gran explotación de sal á beira do Atlántico. Consérvanse varios estanques de salinización dispostos en chanzos con lousado de pedra e pequenos muros de separación feitos con lousas. O sal aquí producido era usado para conservar o peixe e poder transportalo para o seu comercio con outras zonas. Por diante das salinas pasa a Senda Litoral que permite percorrer a costa da Guarda dende o porto ata a foz do río Miño, finalizando na Praia do Muíño. A senda é peonil nos seus 3.6 km e para bicicletas ata a metade do percorrido.

Enlace web

Esteiro do río Miño ()

Fronteira natural entre España e Portugal. A desembocadura do Miño forma un esteiro, que está considerado como unha das zonas húmidas máis importantes da Península, coa confluencia de dous ecosistemas, o fluvial e o marítimo. Existe unha ruta (PR-G 160) que comeza preto da igrexa parroquial de Salcidos e que permite descubrir ao longo do percorrido a riqueza natural e paisaxística do Esteiro, a diversidade da flora e a fauna e elementos etnográficos como as pesqueiras da desembocadura, os fornos cerámicos de Salcidos ou os muíños de vento na costa. Conta con paneis informativos relativos á importancia do Esteiro, á fauna, á vexetación e aos aspectos ecolóxicos.

Enlace web