Mitos e lendas de Alto dos Cubos (Tui)
Unha batalla lendaria?
Segundo a lenda, este era o mítico monte Medulio, escenario dunha das últimas batallas entre romanos e galaicos. A historia relata que durante as batallas cántabras os galaicos se refuxiaron «entre o río Miño e as ondas do mar» para fuxiren dos romanos, que construíron un foso a fin de asedialos ata que se rendesen. A batalla resultou tan dura e longa que este monte foi o escenario dun suicidio colectivo dos galaicos para evitaren ser escravos dos romanos.
A investigación histórica non sitúa esta batalla aquí, senón que é posible que se librase nalgunha serra de Asturias ou Cantabria. O certo é que o lugar aínda non foi localizado e o monte Aloia ben puido ser o escenario de tan lendaria batalla.