Mitos e lendas de A Lanzada (Sanxenxo)
«en nove ondas teste que bañar se preñada queres quedar…»
A praia da Lanzada foi, durante moito tempo, a referencia galega para que as mulleres estériles lograsen quedar embarazadas.
Na ermida de Nosa Señora da Lanzada existe unha lenda asociada non só á ermida, senón en xeral á praia da Lanzada e que se relaciona cos ritos de fecundidade.
Conta a tradición que tomar un baño de nove ondas durante unha noite de lúa chea é o remedio para poñer fin á infertilidade. Dúas noites son as que, segundo a tradición, pode facerse o ritual: unha é a noite de San Xoán e outra o último sábado de agosto. As mulleres que desexaban ter descendencia e non o lograban, fose pola razón que fose, metíanse no mar e deixaban que as ondas pasasen nove veces por riba do seu ventre.
A lenda di que o poder benéfico das ondas do mar faría que o desexo das demandantes se cumprise e que tivesen ese fillo ou filla por quen se someteron ao poder do Atlántico.
«… unha cidade mergullada baixo o mar…»
Outra lenda do lugar fálanos da vila mergullada da Lanzada e das súas misteriosas construcións baixo o mar. A lenda refire que, dende a ermida da Lanzada e ata a punta de San Vicente do Mar, existe un muro de silvas submarinas que marca o camiño polo que se podía cruzar ata a península do Grove. Esta lenda recolle o valor simbólico do mar e das augas como porta de paso ao Alén. A cidade mergullada é a cidade dos mortos e os seus habitantes son os mouros e as mouras que, segundo a tradición local, están enterrados nas tumbas da necrópole da Lanzada. É posible que esta lenda de estruturas baixo as augas garde a lembranza dun asentamento ou porto alagado polo mar.
«…para te librares do mal de ollo, ao amencer deberás a ermida varrer…»
Se o que queres é librarte do mal de ollo, ao amencer toca varrer a ermida, mais non de calquera maneira. O percorrido debe facerse por detrás do retablo e por diante do altar, debuxando un circuíto completo arredor da bóveda, que cómpre repetir tres veces.