Mitos e lendas de Adro Vello (O Grove)
Quen matou o Meco?
Conta a lenda que na vila do Grove, alá polo século XV ou XVI, vivía Juan de la Meca, un cura máis coñecido por todos como o «Meco». Libertino e déspota, o relixioso non dubidaba en atribuírse o dereito de pernada en toda a vila e abusar del. Este privilexio permitíalles aos señores feudais pasar a noite de vodas coas mulleres dos seus vasalos e manter relacións sexuais con elas.
Hai dúas versións diferentes desta lenda. Nunha das versións, o cura, logo de perder unha partida de cartas cun mozo moi apreciado na aldea e véndose humillado, díxolle: «Alédate hoxe, que xa me aledarei eu mañá coa túa amada». Ao escoitar estas palabras, e nunha arroutada, o mozo namorado asasinou o cura.
Noutras versións o mozo foi axudado polos veciños, e na recollida polo Padre Sarmiento (Viaje a Galicia, 1745) foron un grupo de mulleres as que decidiron tomar a xustiza pola man.
O caso é que o Meco, en todas as súas variantes, terminou colgado dunha figueira no punto máis alto da localidade, o monte Siradella.
O lugar en cuestión non foi escollido ao azar. Á entrada do Grove, a «Figueira do Meco» servía de aviso para os futuros visitantes, señores feudais ou forasteiros, que pretendesen seguir os pasos do eclesiástico e abusar das súas xentes.
Pouco despois, cando a xustiza chegou ao lugar do crime á procura dun culpable, á pregunta do xuíz: «Quen matou o Meco?», todos á vez responderon: «Ao Meco matámolo todos!» Así, sen probas nin culpables, o crime nunca chegou a esclarecerse. Mito ou realidade, os e as grovenses pasaron a adoptar daquela para si mesmos o alcume de «os mecos», en honor a aquela fazaña que os deixou libres.
Hoxe en día, no lugar dos feitos atopámonos co miradoiro de Siradella, onde perdura a «Figueira do Meco», que medra nunha fenda nas ladeiras do monte. A lenda popular menciona que os froitos desta emblemática árbore sempre serán de color encarnada, xa que «levan o sangue do Meco».