Mitos e lendas de Castro de Penalba (Campo Lameiro)
«…ofrecíase unha cunca de leite para que beban as cobras…»
«A Pedra da Serpe» sitúase na croa do castro de Penalba, dende onde se pode divisar unha gran panorámica das terras do río Lérez. A rocha está orientada cara á posta do sol. Nela represéntase a forma dunha serpe de gran tamaño, aínda que tamén é interpretada como dúas serpes no momento de aparearse.
Segundo a tradición, as serpes eran seres máxicos e a lenda que está asociada a esta pedra é unha manifestación da ideoloxía da sociedade tradicional en clave simbólica: «Os matrimonios sen fillos ou fillas que queiran ter descendencia deben ir na noite de San Xoán copular sobre a pedra, levando como ofrenda unha cunca de leite para que beban as cobras».