null Mitos e lendas - Castro de Toiriz

Mitos e lendas de Castro de Toiriz (Silleda)

Se ves unha moura…

Como todo castro galego, non está exento de lendas de mouros  e outros seres mitolóxicos que forman parte da historia da comarca. A parte superior do castro ou croa recibe o nome de Eira dos Mouros.

Conta unha lenda que neste lugar se aparecía todas as noites unha muller moi fermosa, cunha tenda moi aquelada, que era toda de follas. Un día pasaba un home por alí e a muller preguntoulle:

— Que queres da tenda?

— Unha peita —díxolle el.

— Dobráchesme o encanto —respondeulle ela.

Ao día seguinte, vólveselle aparecer en forma de serpe. Ela pregúntalle de novo:

— Que queres?

— Unhas tesoiras —díxolle el.

— Dobráchesme o encanto —respondeulle ela.

Ao terceiro día, apareceu en forma de muller, e pasou un home ao que lle dixo:

— Que queres da tenda?

El respondeulle que estaba namorado da tendeira. Antes de dicir estas verdades, no lugar quedou todo convertido en ouro.