Mitos e lendas de Castro de Troña (Ponteareas)
«…o sangue da vítima foi derramado sobre o gravado da serpe…»
Sobre unha pequena rocha, próxima ao alxibe, localízase un petróglifo con forma de serpe denominado a «Serpe de Troña». Está tallado sobre unha pedra de sacrificios cunha canle central que tiña como función que o sangue da vítima fose derramada sobre o gravado da serpe. Disque a serpe representa a fertilidade, aínda que outras teorías afirman que non é máis que un símbolo que lle ofrecía paz e tranquilidade ao poboado.
Outra xente conta que outrora se practicaban certos ritos e sacrificios de nenos e nenas encol dunha pedra para que as colleitas fose boas e non se sementase o mal. Disque polas noites aínda se escoitan as voces dos habitantes do castro. No lugar rexístranse psicofonías e algunhas persoas acoden a realizar ritos satánicos. A tal pedra aínda conserva certo ton avermellado…
Conforme a lenda, no castro vivía unha serpe que baixaba ao poboado a roubar animais domésticos para comer e falaba coas cabras e dicíalles:
— «Dáme do teu leite, que eu che darei o meu peite!»
Os veciños e as veciñas, por medo e para evitaren aqueles roubos, acordaron levarlle todos os días por quendas un animal ao monte. Un día, cansos e cansas de realizaren aquel pago, determinaron matala. Xuntaron varios novelos de la e fixeron unha corda cun gran nó na punta. Déronlla a comer á serpe e, cando esta picou, turraron da corda e matárona a golpes. Enterrárona no adro da ermida e enriba fincaron un cruceiro.
«… pódese verse unha muller sentada a se peitear con peites de ouro…»
A lenda tamén conta que, baixo a ermida, hai un cemiterio de mouros e mouras dende o que sae un camiño enterrado que conduce ao río Tea, en Portovilares, e que se seguía para ir ver os cabalos que alí tiñan.
Tamén se fala doutro túnel dende o castro ao río Tea, nun lugar coñecido como «Caldeira do Inferno», que na súa saída ten un tesouro con forma de grade de ouro.
Outra lenda conta que perante a ermida aparece primeiro unha muller e despois unha serpe. En ocasións pódese ver unha muller sentada nunha pena a se peitear con peites de ouro.
No castro hai novas da aparición de tesouros, como unha trabe de ouro, que vai dende o castro a Portela do Vilar, unha gran grade de ouro e un tear de ouro escondidos baixo o altar da ermida do Doce Nome de Xesús.