null Mitos y leyendas - Castrolandín

Mitos e lendas de Castrolandín (Cuntis)

«Unha noite máxica para a purificación e a fertilidade…»

O castro é un lugar moi especial para as persoas que viven en Cuntis, pois aquí celebran a «Festa dos fachos». Durante esta festa arrodean a muralla do castro con 52 fachos dos que penduran sete piñas que simbolizan as semanas do ano e os sete días da semana. A festa foi prohibida nos anos 40 do século XX e recuperada no ano 2000 grazas á Fundación Terra Termarum de Cuntis.

Alén do seu carácter purificador, o salto da lumieira en Castrolandín é un ritual de fertilidade e, ao mesmo tempo, de contacto coa cultura oculta dos mouros e as mouras que viven baixo os nosos pés. Como proba, as persoas do lugar din que «aínda que chovese, o chan do castro nunca se chegou a inundar de auga», malia a súa forma cóncava. Tamén existe a tradición de tirar piñas á fogueira despois de pedir un desexo que, se non se revela, seguramente ha de cumprirse.

«… un ancián que afirmaba que no castro había unha gran porta dourada…»

Hai moitas lendas arredor do castro. Na zona norte hai unha área onde se poden extraer grandes lascas de mica. Xunto a ela hai outra zona onde a terra presenta vetas de cor azulada debaixo da vexetación. Especulouse sobre se podería ser un xacemento de chumbo, aínda que en realidade é unha zona rica en xofre. Historicamente, os veciños e veciñas atribuíron esta peculiaridade á presenza de tesouros no seu interior.

Outra lenda fálanos dun ancián que afirmaba que no castro había unha gran porta dourada «máis grande que a porta da igrexa de Baño» (nome co que se designa a vila de Cuntis nas aldeas do concello). Os veciños de máis idade contan que en tempos dos seus bisavós algunhas persoas albiscaran no castro galiñas ou paspallás con pitos de plumas douradas e moi brillantes, sen ningunha dúbida polo ouro. Tamén se di que o castro estaba habitado polos mouros e as mouras e que hai unha entrada secreta pola que adoitaban ir buscar auga a unha fonte que podería ter propiedades máxicas.