null Mitos y leyendas - Coto de Altamira

Mitos e lendas de Coto de Altamira (As Neves)

Onde está a cova?

O castro de Altamira entraña numerosos misterios sen resolver que deron lugar á aparición de lendas ao seu redor. As diferentes intervencións arqueolóxicas realizadas documentaron varios obxectos de bronce de gran valor histórico (unha figura do deus romano Mercurio, un togado, moedas, fíbulas, lucernas, aneis, agullas, asas, un pedestal…), algúns deles desaparecidos.

Unha das lendas fálanos da existencia dunha cova artificial que disque desembocaba na igrexa parroquial de Taboexa, situada aos pés do xacemento. A posible entrada á cova atoparíase atrancada e non é localizable, posto que o monte está moi alterado polos traballos dunha canteira aberta nos anos 50 do século XX.

Por que sete igrexas vixían o río Miño?

A localización aos pés do castro dunha ermida dedicada a san Bertomeu responde a un intento de anulación e cristianización de rituais pagáns practicados no monte. Segundo a lenda, san Bertomeu era un dos sete irmáns que decidiron subir ata o curuto dun monte para lograr divisar o corpo de san Telmo, que afogara no río Miño. Hoxe en día existen varias capelas neses lugares, como son a de San Nomedio, a de San Fins, en Arbo, ou esta de San Bertomeu (as outras están en Portugal).

Por detrás do monte de Altamira sitúase unha destas capelas, a de San Nomedio, antes coñecido como san Mamede. Hai quen afirma que este lugar puido ser o escenario da batalla lendaria do monte Medulio por estar próximo ao val do Miño, tal e como describían as fontes clásicas.