Mitos e lendas de Monte do Facho (Cangas)
«…un monstro mariño máis grande que 143 elefantes…»
Como moitos outros lugares da costa nos que aconteceron traxedias, Cabo Home alberga lendas sobre monstros causantes de naufraxios. A máis popular é unha que perdura grazas á tradición oral dende hai máis de cinco séculos. Por aquela época todos os pescadores que sobrevivían á forza do mar bravo de Cabo Home relataban que os máis dos barcos se afundían de maneira estraña mentres se enxergaban uns dentes afiados. Un día escuro de treboada un monstro mariño saíu da auga e ameazou con devorar a todos os habitantes de Hío. Segundo contan, era máis grande que 143 elefantes, pero un guerreiro chamado Oridón decidiu facerlle fronte. Tras moitos intentos, atopou a maneira de acabar con el grazas ao seu escudo e á aversión do monstro á luz solar. O monstro de Cabo Home, agonizando, afundiuse no mar deixando as súas pugas fóra e, pouco e pouco, foise petrificando. Hoxe en día, esas pugas aínda son visibles; son os afiados cons que hai onda o cantil de Cabo Home. Achegádevos a velas, mais coidadiño con espertalo…