Unha etapa de transición e mudanzas
É un sitio arqueolóxico complexo que nos axuda a comprender a transición entre o Bronce Final e a Idade do Ferro. Presenta unha ocupación da Idade do Bronce non só habitacional, senón que os arredores inmediatos están «ritualizados» por un abundante e complexo número de gravados rupestres, de petróglifos.
Posteriormente, reocúpase no Ferro I cun poboado fortificado que presenta unha ocupación máis ou menos continuada dende o século VIII a.n.e. ao século I.
Nas intervencións arqueolóxicas realizadas descubriuse que os primeiros traballos efectuados no promontorio foron os de construción do seu sistema defensivo, aproveitando os afloramentos rochosos do lugar e o recheo e acondicionamento do espazo intramuros.
Nas terrazas interiores que dan ao sur detectáronse os restos das primeiras cabanas do poboado, feitas con materiais perecedoiros (madeira e barro). Esta maneira de construír vaise modificar a finais do século V a.n.e., comezos do IV a.n.e., cando se introduce a construción en pedra; iso si, sempre con plantas circulares. Destaca a documentación de lucidos exteriores ocres.
Non se pode afirmar en que momento exacto ten lugar o abandono destas cabanas, pero con seguridade é anterior ao século I, pois aí se produce unha reocupación, a derradeira ocupación do lugar xa en época romana.
O control das rutas marítimas
A súa localización é estratéxica, cunha extensa panorámica sobre o Atlántico e os vales do sur. Controla, ademais, o único punto de amarre neste tramo agreste de costa atlántica (porto de Mougás). A este respecto intégrase nunha rede de castros (Cano dos Mouros, A Chavella) que dominan esta ruta marítima, fundamental para o intercambio de ideas, obxectos e persoas a comezos do primeiro milenio a.n.e. Proba destas relaciones comerciais é a representación de dous barcos de tipoloxía mediterránea nos petróglifos da Laxe Auga dos Cebros, que se atopan nun lugar próximo ao castro.