null Yacimiento - A Lanzada

Un lugar cunha intensa ocupación

Trátase dun espazo complexo, cunha vasta secuencia de ocupación humana. Os niveis máis antigos parecen datarse no século VIII a.n.e. e perdura ata a Idade Media. As fases máis significativas son a do poboado galaico (ss. V-II a.n.e.); a factoría de salsas ou salgas (ss. III-II a.n.e.); a ocupación romana e necrópole (s. I-III); a pequena igrexa e necrópole (ss. IV-V), e a fortaleza medieval (ss. XI-XV).

Non nos atopamos ante o típico poboado fortificado da Idade do Ferro, ante o típico castro; encontrámonos ante un punto comercial de longa duración que continuará crecendo co paso dos séculos e coa introdución do NW nos circuítos comerciais do mundo antigo.

Coa chegada da Idade Media, a ocupación do espazo desprázase cara á punta do cabo e alí, no século XI, vaise construír unha fortaleza coa finalidade de defender a costa de incursións sarracenas e, sobre todo, normandas. Esta fortaleza será derruída pola revolta Irmandiña no século XV, quedando como testemuñas dela os restos dunha das súas torres e a pequena ermida, á que acoden numerosas persoas para participar na romaría que se celebra o último domingo de agosto.

Un enclave estratéxico

A Lanzada atópase a 4 días de navegación de Cádiz e a 4 días de Cardiff, nun punto central para a navegación atlántica da Antigüidade, xa que controla os accesos naturais das rías de Pontevedra e Arousa. Punto de paso para mariñeiros e comerciantes que, dende polo menos o século VIII a. n. e., navegaron por estas augas.