A vida cotiá nun castro
O recinto superior é de planta ovalada con dous promontorios rochosos situados no extremo norte e sur da croa. A finais do século XIX conservaba parte do dobre recinto amurallado e, a principios do XX, aínda estaban en pé algunhas vivendas circulares.
Localizáronse varios «concheiros»: dous na ladeira oeste e un na ladeira leste, baixo as construcións habitacionais, aínda que esta zona está moi alterada pola extracción de pedra e a construción dun depósito de auga.
Entre os numerosos materiais recuperados nas escavacións destacan aqueles relacionados coa metalurxia, como colgantes, escouras ou crisois, que fan posible coñecer unha das actividades máis importantes que se desenvolven durante a Idade do Ferro, non só no noroeste, senón tamén en toda a Península Ibérica.
Consérvanse varios petróglifos da Idade do Bronce e outros realizados xa no século XX; de entre estes, o máis coñecido é o Petróglifo do Sol, realizado polo canteiro e escultor marinense José Meijón.
Unha atalaia sobre a ría de Pontevedra
Este castro sitúase no Coto ou Monte das Sete Espadas, nun pequeno e solitario outeiro de inclinadas pendentes e cunha magnífica visibilidade sobre Marín e a ría de Pontevedra.