null Yacimiento - Adro Vello

Vila romana, factoría de salga, igrexa e necrópole

Malia o interesante do lugar, é pouco o que sabemos del. As campañas realizadas no pasado non foron desenvoltas cunha metodoloxía arqueolóxica axeitada e agora pódense visualizar restos de moitas estruturas de diferentes momentos cronolóxicos sen que o visitante se dea feito unha idea clara da evolución do xacemento. Á espera de intervencións futuras que amplíen a área escavada, é posible establecer unha datación preliminar entre o século I e o XVII.

Os datos das intervencións precedentes falan da presenza dunha factoría de salga, quizais en relación cunha vila tardorromana (ou anterior a ela). Posteriormente, e sobre os restos do asentamento romano, erixíronse un edificio de carácter eclesiástico e unha necrópole de inhumación (algunhas das tumbas aínda se poden ver na actualidade). Finalmente, instalouse unha torre e monumentalizáronse as estruturas, talvez para protección e vixilancia da ría de Arousa ante a ameaza viquinga.

Un dos achados máis singulares do xacemento é a coñecida como «moeda da Translatio»,  datada no século XII, onde se representa por primeira vez a lenda do traslado do corpo sen vida do apóstolo Santiago dende Palestina a Compostela, logo de cruzar nunha barca o Mediterráneo, a fachada atlántica e a ría de Arousa. Velaquí a lenda que deu orixe ao Camiño de Santiago. No momento en que se cuña esta moeda están principiando as obras de construción da catedral de Santiago e empeza a asomar o mito xacobeo, que hoxe en día atrae a miles de peregrinos e peregrinas que percorren a provincia de Pontevedra polo Camiño de Santiago.

A acción do mar

O xacemento localízase á beira da praia do Carreiro, ao pé dun cotarelo rochoso e inmediatamente ao sur dun pequeno curso fluvial que morre na mesma praia. Os restos arqueolóxicos están situados nun tramo baixo de costa e protexidos pola Punta do Castriño ao oeste e pola Punta de Barceliña e as illas Barceliñas ao leste. Entre ambas as dúas puntas existe unha liña de afloramentos graníticos que protexe a fronte costeira dos embates do océano, aínda que cada ano sofre a acción natural do mar que ocasiona danos e perdas irrecuperables.