Un castro con dous momentos de ocupación diferentes
As escavacións realizadas deixaron ao descuberto dous momentos ocupacionais diferenciados: un primeiro momento do Ferro II (dende o século V a.n.e. ata o século I a.n.e.) e unha reocupación tardía entre os séculos IV e V. Esta reocupación está relacionada coa forte crise do século III, un período de inestabilidade social e económica, de violencia e convulsión, que motivou o abandono de vilas e cidades e o retorno ao campo; a volta aos castros.
É un xacemento formado por dous recintos, o primeiro situado na parte alta e disposto en dous niveis, e o inferior orientado cara ao oeste.
Na zona norte do recinto superior obsérvase un parapeto duns 2 m de altura pola parte interna. Nese sector aprécianse igualmente restos da muralla, desmantelada en gran parte.
O monte débelle o seu nome á existencia dunha cruz fincada no seu cumio que foi recuperada parcialmente nunha das campañas de escavación de principios do século XXI.
Destaca tamén a existencia dun muíño de vento que se conserva case integramente.
Un miradoiro natural sobre a ría de Pontevedra
A pesar da súa modesta altitude resulta moi visible na paisaxe e domina estratexicamente a cunca media do río Almofrei. Localízase a medio camiño entre as terras fértiles do val e o monte Coirego. O xacemento controla e domina visualmente o val medio-baixo do Lérez, o que o converte nun miradoiro natural destacable dende o cal é posible ver a ría de Pontevedra.