Ao pé dun parque natural
O xacemento sitúase no interior do monte Aloia, o primeiro Parque Natural de Galicia. A paisaxe deste parque é o resultado duna exótica repoboación realizada hai 100 anos con vexetación autóctona e outras especies como cipreses, abetos e cedros do Líbano.
O nome Alto dos Cubos fai referencia ao montículo sobre o cal se sitúan as estruturas circulares do seu cumio. Tamén é coñecido como Cabeza de Francos debido á existencia dun asentamento galo en época de Napoleón Bonaparte.
O poboado, habitado dende o século II a.n.e. ata o século III, está estruturado en dous niveis; un formado por un recinto superior delimitado por unha muralla e outro na pendente noroeste. Os seus habitantes vivirían da agricultura e a gandería, xunto con actividades manufactureiras como o curtido de peles ou a fabricación de utensilios de pedra, bronce, madeira e ferro.
Varias vivendas foron escavadas e parcialmente reconstruídas, e dúas delas conservan o vestíbulo.
A localización estratéxica do xacemento nun lugar elevado ofrece un vasto dominio visual; pódense ver os vales do Miño e do Louro, a foz do Miño e Portugal.
Un castro cun gran dominio visual
Grazas á súa localización, este castro domina con amplitude a cunca final do río Miño ata a súa desembocadura, controlando as veciñas e fértiles terras de cultivo. A súa posición estratéxica axúdanos a comprender a importancia da paisaxe na Idade do Ferro do noroeste peninsular.