null Yacimiento - Castro Alobre

A explotación dos recursos próximos

O xacemento atópase en pleno centro urbano da cidade de Vilagarcía de Arousa, nun dos seus pulmóns: o Parque do Castriño.

Existen evidencias materiais na zona que permiten falar dunha longa secuencia ocupacional, dende o Bronce Final (século VIII a.n.e.) ata a época tardorromana (séculos IV-V). Nas escavacións arqueolóxicas realizadas ata o de agora documentáronse estruturas datadas entre a segunda metade do século I a.n.e. ata finais do século III.

Alobre foi, en primeiro lugar, un asentamento cunha clara vocación comercial, favorecida pola súa posición privilexiada na ría de Arousa. Os materiais documentados durante as campañas de escavación arqueolóxica evidencian fortes lazos co mundo mediterráneo e, en especial, co sur da Península Ibérica, Italia e as Illas Baleares.

A súa proximidade ao mar fixo dos habitantes do castro hábiles pescadores e mariscadores, especializados na captura de especies como o ollomol e o berberecho, como deixan patentes os anzois de metal e outros trebellos relacionados coa pesca, así como os restos de peixes recuperados no «concheiro» ou vertedoiro, con restos de cunchas e ósos, que se estendía por gran parte do espazo escavado e que aínda se pode observar na actualidade.

O período de maior auxe do xacemento dátase entre os séculos I a.n.e. e o século I. Tras a conquista por parte de Roma do noroeste da Península Ibérica (29 a.n.e.-19 a.n.e.) xurdirá en Alobre unha nova realidade. Sobre os restos do antigo asentamento da Idade do Ferro vaise erixir unha vivenda de época romana, da cal se documentou un «hipocausto» ou habitación calefactada, quizais pertencente a un complexo termal.

Un castro preto do mar

No pasado este lugar era unha península a modo de promontorio costeiro cunha destacable situación estratéxica. As escavacións arqueolóxicas documentaron este marcado carácter marítimo antes dos desmontes, recheos e construcións contemporáneas que alteraron de forma definitiva a súa morfoloxía.