Un castro de lenda
O castro de Troña localízase nun rechán a modo de esporón, nun dos contrafortes dos Montes da Picaraña, dominando un amplo sector do val medio do río Tea.
A croa do castro estivo ocupada entre os séculos VI-V a.n.e. ata o século I. O segundo recinto estivo ocupado entre os séculos II-I a.n.e. ata o século I, cunha reocupación durante o século III. No século XVIII constrúese na parte superior do castro unha igrexa dedicada ao Doce Nome de Xesús.
O poboado ten forma elíptica ou ovalada, con amplas terrazas na súa pendente oeste e un complexo sistema defensivo formado por murallas, foso e parapetos.
As escavacións realizadas ata o de agora documentaron os lenzos da muralla que arrodean a croa e a primeira terraza; o torreón da primeira muralla na súa parte leste; un profundo foso escavado na rocha na parte leste por onde pasa a pista que conduce ao castro; dous pequenos parapetos formados por pedra e terra, que protexen o castro polo seu lado nordés, e numerosas estruturas habitacionais na parte alta do poboado. Nun dos afloramentos da croa do castro localízase un gravado que representa unha serpe en posición heráldica. Esta serpe está relacionada con ritos e cultos ofiolátricos practicados polos pobos denominados na bibliografía tradicional como saefes e oestrimnios.
Posiblemente posuía unha ou varias entradas que ata o momento non foron localizadas, pero que podemos supoñer que estaban situadas unha ao leste, xunto ao torreón da primeira muralla, e a outra cara ao oeste na segunda muralla.
Este castro descóbrese a principios do século XX ao realizar as obras de apertura da pista que sobe pola ladeira norte cara á capela situada na croa.
Unha contorna privilexiada
A situación do castro de Troña, que domina as fértiles terras do val do río Tea, converte esta contorna nun territorio privilexiado.
A explotación agrícola intensiva, a gandaría e actividades como a pesca ou a explotación do ouro dotaban este xacemento de recursos e riquezas que propiciaron o seu desenvolvemento como un dos poboados fortificados máis importantes desta zona da actual provincia de Pontevedra.