null Yacimiento - Castrolandín

Un poboado máis grande do esperado

É un poboado de pequenas dimensións e cunha ocupación continuada dende o século IV a.n.e. ata época romana, cando é abandonado case na súa totalidade. Só se mantivo unha única vivenda en pé, que puido estar ocupada para servir de base a un posto de control e defensa do núcleo romano que emerxía naqueles momentos no fondo do val cun marcado carácter termal; núcleo que deu lugar á actual vila de Cuntis.

A maior parte dos traballos arqueolóxicos realizados concentrouse na croa ou acrópole, pero tamén se investigou fóra de murallas.

O xacemento presenta forma de elipse, delimitada por un parapeto que descansa contra unha muralla que percorre todo o perímetro, alterada por afectacións modernas.

Outros elementos defensivos destacables son os dous fosos de diferente tamaño e que delimitan o recinto dende o suroeste ao nordés, aproveitando na zona norte os desniveis naturais do terreo para a defensa do poboado.

Na croa, as estruturas arqueolóxicas superpóñense unhas a outras. Á primeira fase de ocupación corresponden os buracos de poste, fosas ou gabias deixados polas estruturas perecedoiras. Na segunda fase estas cabanas petrifícanse, predominando a forma circular. As diferentes estruturas aparecen agrupadas, illadas ou formando auténticas unidades familiares con pequenos patios, escaleiras, almacéns e casas, como a que aparece tras superar o recinto amurallado.

Fóra de murallas, os últimos traballos efectuados documentaron a existencia de novas cabanas con diámetros superiores aos da acrópole, o que leva a reconsiderar as dimensións e límites do castro.

O control do territorio

O castro sitúase nun alto, dende onde controlaba as fértiles terras do val do río Gallo ata a chegada de Roma, cando é abandonado na súa totalidade. En época romana continuará cumprindo esa función de control do territorio coa ocupación dunha das estruturas. Esta servirá de base a un posto de control e defensa do núcleo romano que emerxía neses momentos no fondo do val, asentado na actual vila de Cuntis.