O mundo galaico asume as crenzas e tecnoloxías romanas
O castro é coñecido polo interese e a importancia dos seus achados materiais, sobre todo figuras de bronce, aínda que son poucas as intervencións arqueolóxicas realizadas.
É un castro de pequenas dimensións, con acrópole rodeada por tres terrazas ou recintos. A croa, de forma case circular, está delimitada pola muralla e, por debaixo desta, dúas terrazas de anchuras variables dan paso a un parapeto e foso.
Na última terraza da ladeira sur do castro atópase a capela do século XVII dedicada a san Bertomeu.
Durante o século XX sufriu o espolio dos furtivos do patrimonio. Grazas aos veciños do lugar déronse recuperado diferentes materiais superficiais, entre os que destaca a representación en bronce de Mercurio. Outros moitos obxectos só os coñecemos polas noticias da prensa e están en paradoiro descoñecido.
As diferentes intervencións levadas a cabo non foron abondas para establecer unha cronoloxía precisa do xacemento. A través do estudo dos bronces espoliados fixouse unha cronoloxía aproximada deste material, datándoo entre os séculos III e IV. Tras a recente revisión do material cerámico recuperado, retrotraeuse o inicio da ocupación do xacemento aos séculos IV-II a.n.e.
Dominando o río Miño
A súa situación xeográfica facilita un vasto dominio visual da contorna e á vez é visible dende calquera punto do val do río Miño. O control destas terras resultaba fundamental, xa que era onde os habitantes do lugar atopaban seus medios de subsistencia. Nestas terras tamén pastorean os animais da súa cabana gandeira. O Miño era tamén un río importante na Antigüidade, xa que nas súas augas se practicaba a pesca.