null Yacimiento - Igrexa Vella

De Roma á Idade Media

As escavacións realizadas fixeron posible documentar o asentamento tardorromano do século IV formado por un pequeno complexo de vivendas e de produción, asociada aos restos dun forno que conserva a zona de combustión e cocción. Tamén se recuperou unha estela reutilizada nun dos muros e relacionada coas tumbas en ímbrice desta época.

Durante o século V, por influencia da cristianización, constrúese unha pequena igrexa basilical de planta rectangular sobre o anterior complexo tardorromano e reutilizando os materiais deste.

Entre os séculos VIII e IX, como consecuencia dun incendio ou pola necesidade de ampliar o templo, constrúese unha segunda igrexa, de cabeceira cruciforme con transepto, presbiterio e ábsida, reutilizando a fachada e paredes laterais da anterior a modo de cimentación. Desta época, e en relación cos inicios do novo templo relixioso, recuperáronse 26 tumbas de laxes cubertas cunha ou dúas tampas de forma trapezoidal e de «arco de paréntese», adscribibles aos séculos VIII-XII.

Durante o século XVI a igrexa pasa a ser parroquial e acaróaselle unha capela lateral no seu lado norte e unha sancristía a continuación do transepto e ao norte da cabeceira.

Durante o século XVIII, concretamente en 1730, segundo consta na documentación escrita conservada, desmantélase a igrexa medieval e trasládase á localización actual, a uns 500 metros da construción anterior.

Entre vías naturais

Este enclave sitúase entre dúas formacións naturais de vital importancia para o desenvolvemento das vías de comunicación terrestres e fluviais na Antigüidade: a Depresión Meridiana e o río Ulla.

A Depresión Meridiana facilitou a creación de vías de comunicación en época romana, como a Vía XIX, que percorre esta depresión dende Tui ata Iria Flavia. Desde a Idade Media pasa por ela o Camiño de Santiago, pero tamén hoxe en día as nosas estradas aproveitan esta formación natural para discorrer por ela.

O río Ulla empregouse como vía de comunicación, pero tamén como espazo simbólico. Un río onde se desenvolveron rutas comerciais e asentamentos de diferente cronoloxía para controlar este espazo onde conflúen importacións, influencias, ideas e persoas.