Un xacemento singular
Pequeno poboado aberto sen defensas, aínda que é probable a existencia dun muro, localizado nas escavacións, delimitador e protector da zona de inundación do río.
A súa proximidade ao Ulla e a súa situación nun pequeno illote deste río deixan patente a importancia que ten o control dos cursos fluviais: vías de comunicación, lugares de intercambio, chegada de xentes e mercadorías. Este río permítenos coñecer os costumes, usos e aproveitamento das súas augas ao longo da historia.
As primeiras casas estarían realizadas en materiais perecedoiros, o cal indica a estacionalidade deste poboamento, que viviría principalmente das actividades pesqueiras.
A aparición de estruturas pétreas está vinculada a unha maior estabilidade da ocupación debido ás actividades comerciais, aínda que convivirán coas de material perecedoiro.
O poboado será abandonado no século I, momento de maior auxe de Iria Flavia e o seu porto principal, situado en Pontecesures, no punto máis alto do curso do río.
A importancia do río
A súa proximidade ao río Ulla, un dos principais ríos navegables na Antigüidade, converte este lugar nunha zona de paso estratéxica entre o sur e o norte. É un punto clave para o desenvolvemento comercial cara ás terras do interior, xa que por aquí discorrían naquela época numerosos e importantes camiños, como a Vía XIX —que unía Bracara Augusta (actual Braga) con Asturica Augusta (actual Astorga)— ou a per loca maritima do Itinerario de Antonino.
A súa situación no tramo baixo do río convérteno nun lugar de grande importancia para a comunicación e o troco de produtos, pero tamén nun espazo cunha forte carga simbólica, se temos en conta os depósitos rituais que se atoparon nas augas deste río (espadas ou puñais) e nos seus arredores inmediatos (depósitos de machadas).
Numerosos achados arqueolóxicos espállanse por todo o curso do río vinculados co transporte e comercialización de produtos, como os restos de ánforas ou de barcos afundidos de época romana documentados na desembocadura do Ulla.