Un xacemento complexo
A arqueoloxía deixou ao descuberto diferentes elementos que lle foron dando forma a un xacemento máis complexo do esperado. Podemos distinguir varios sectores con restos construtivos e funcionalidades totalmente diferentes.
Atendendo aos resultados das escavacións arqueolóxicas aquí realizadas, podemos distinguir tres fases na ocupación do poboado:
-
Unha primeira ocupación, entre finais do século V a.n.e. e mediados do século IV a.n.e., que se corresponde cos buracos de poste, gabias e fosas, que nalgúns casos cortan o substrato granítico, deixados polas cabanas realizadas en material perecedoiro.
-
Unha segunda fase, entre o século II a.n.e. e comezos do I a.n.e. na que se produce a petrificación das estruturas anteriores e unha nova redistribución urbanística. As cabanas deste momento son circulares e ovaladas, de diversos tamaños. Durante esta fase principia a construción da muralla.
-
A última fase de ocupación supón a maior reordenación do poboado, que xa está rodeado por unha gran muralla monumental que alcanza nalgúns puntos case 5 metros de altura. Novas estruturas superpóñense ás anteriores e prodúcese un importante movemento e provisión de terras para a realización de aterrazamentos. É o momento en que xorden as desigualdades sociais que se materializan nas diferenzas arquitectónicas das estruturas habitacionais.
A mediados do século I o castro é abandonado, posiblemente como consecuencia dun grande incendio que afecta a unha gran parte do poboado. Isto supón a fin dun lugar e unha cultura.
O castro xa non volverá ser habitado, aínda que nun momento puntual do século III se oculta un pequeno tesouro de 15 moedas romanas no derrubamento da muralla.
Controlando o río e as terras de cultivo
Este xacemento arqueolóxico localízase sobre un outeiro cun extenso dominio do val final do río Umia e as fértiles terras de cultivo veciñas. Durante a última fase de ocupación o castro ten unhas dimensións considerables e calcúlase que alberga case unhas 3000 persoas. Prodúcese a maior reordenación ata o momento do poboado e a construción de novas estruturas. O grande excedente de cereais favorece este crecemento da poboación e crea a necesidade de construír estruturas de almacenaxe tipo hórreo para conservar os cereais cultivados nas terras circundantes do castro.