Un xacemento único
O xacemento localízase no extremo occidental da península do Morrazo e érguese sobre o Océano Atlántico, a Costa da Vela e as Illas Cíes. Dende o alto do monte domínase unha vasta franxa costeira que vai dende a ría de Vigo a Fisterra.
O monte débelle o seu nome á existencia no seu cume, nos séculos XVII e XIX, dun posto de vixilancia costeira que usaba o lume (facho) como medio de comunicación. A este momento de ocupación pertence a construción circular con cuberta pétrea en forma de cúpula que se pode ver no picouto do monte.
As evidencias documentadas ata a data permiten defender unha longa secuencia de ocupación, que transforma a topografía do monte e que abrangue dende o século IX a.n.e. ata o século IV-V, cando a superficie é reocupada parcialmente por un santuario dedicado a un deus indíxena: o deus lar Berobreo.
É un xacemento único en todo o noroeste peninsular, no cal se aglutinan estruturas de diversos períodos históricos que, consonte as últimas interpretacións, puideron compartir en diferentes momentos unha utilidade semellante relacionada cun culto galaico anterior á chegada dos romanos.
Outro trazo que o fai excepcional é o gran número de altares votivos romanos (aras), máis dun cento, depositados alí.
Este santuario será abandonado definitivamente, aínda que non destruído, a finais do século IV e principios do V como consecuencia do proceso de substitución das crenzas pagás polas cristiás, intensificado polo establecemento do cristianismo como a relixión oficial do Imperio romano.
Un balcón ao Atlántico
Este lugar era e é un miradoiro natural para se asomar ao océano Atlántico, xa que dominaba unha ampla franxa costeira nunha época na que o comercio vía marítima era fundamental. Esta orientación dálle ademais unha gran visibilidade ao enclave que, alén de estar a escasos metros do mar, se sitúa nun dos puntos máis altos dos arredores, onde ver e ser visto.
Dende o alto contrólanse as illas Cíes, coñecidas na Antigüidade como as Illas dos Deuses, rodeadas de mitos e lendas. Numerosas persoas acoden a ver a espectacular posta do sol, na que este parece mergullarse no océano, tal e como faría na Antigüidade.