Entre o Atlántico e o Miño
O xacemento localízase no cume do monte Santa Trega, na ribeira norte da foz do río Miño, un lugar estratéxico e simbólico cun gran dominio visual da contorna, controlando vías de comunicación, terras de produción agrícola e diversos xacementos mineiros da zona. O xacemento esténdese pola cima e as ladeiras do monte, especialmente na zona leste.
É o primeiro xacemento arqueolóxico escavado en Galicia; os traballos principiaron en 1914.
Na actualidade son visibles catro sectores: o sector norte ou barrio Calvo, o sector central ou barrio Mergelina, a porta sur e varias cabanas na cima do monte.
É un gran poboado fortificado, case unha cidade; o de maiores dimensións da provincia de Pontevedra e posiblemente de Galicia, cunha ocupación continuada dende o século IV a.n.e. ao século I. Na Idade Media eríxese a capela que lle dá nome ao monte.
As escavacións arqueolóxicas realizadas no xacemento deixan claro que existen tres momentos ou fases de ocupación claros. Unha primeira fase no século IV a.n.e de cabanas en material perecedoiro das que se conservan gabias, buracos de poste e fosas; unha segunda fase no século II a. e. c. de cabanas circulares en pedra; unha terceira fase entre o século I a.n.e. e a segunda metade do século I caracterizada por unha reordenación do espazo con aterrazamentos e rúas empedradas arredor das cales se construirán as vivendas. Nesta última fase tamén se configura todo un sistema de aproveitamento das augas a través de canles e alxibes.
O monte non só destaca por ser un xacemento arqueolóxico de primeira orde, senón tamén por ser un auténtico monumento natural que controla visualmente dende Portugal a Fisterra.
Un monumento natural e cultural
O monte Santa Trega é un dos enclaves turísticos máis importantes de Galicia e lugar de visita obrigada polo seu importante valor arqueolóxico e paisaxístico.
O gran xacemento arqueolóxico ocupa unhas 20 hectáreas, das cales tan só está escavada unha pequena parte. As súas orixes remóntanse ao século IV a. n. e. e alcanza o seu auxe no cambio de era, cando se desenvolve aquí unha verdadeira cidade, de entre 3000 e 5000 habitantes, na que conflúen as culturas mediterránea e atlántica.
O monte é un miradoiro natural con magníficas vistas ao esteiro do río Miño, Portugal, val do Rosal e o océano Atlántico. Diferentes miradoiros situados no monte permítennos albiscar con detalle a contorna, xunto co Pico do Facho e o Pico de San Francisco, o punto máis elevado do monte.