Imaxinando Trazas: mitos e lendas

As lendas forman parte do patrimonio inmaterial. Son o relato dun feito real, adornado ou desfigurado pola fantasía, que en ocasións é desvirtuado ou modificado pola tradición oral a medida que é transmitido de xeración en xeración. Historia e mitoloxía combínanse dando lugar a lendas ou crenzas de diferentes tipoloxías. Estas lendas poden ser relixiosas, fantásticas, históricas ou reflectir o imaxinario popular dos habitantes de Galicia verbo duns feitos acontecidos no pasado ou que poderían acontecer.

Os mouros e as mouras son os habitantes de lenda dos castros galegos. As xentes recorrían a eles para contar ou explicar quen construíu e como se construíron aqueles poboados abandonados nos que aparecían obxectos de gran valor. Os mouros vivían agochados baixo terra e frecuentaban os castros ou construcións antigas. Con eles podíanse facer tratos a cambio de ouro, pero coidadiño con non cumprilos...! As mouras eran fermosas mulleres de pel pálida e longos cabelos louros que habitaban en castros, lagos, ríos ou fontes e custodiaban grandes riquezas cobizadas por homes e mulleres.