_Trazas de Pontevedra
Esta ruta arqueoturística da provincia de Pontevedra está integrada por 17 xacementos galaico-romanos e constitúe unha parte esencial da política de xestión do patrimonio arqueolóxico provincial que busca promover e impulsar a súa utilización como recurso turístico. Con ela preténdese conservar, poñer en valor e fomentar a visita a determinados enclaves asociados á cultura galaica e romana —que nalgúns casos son menos coñecidos e, polo tanto, insuficientemente valorados— para aproveitalos dende o punto de vista económico e social.
O obxectivo desta ruta é difundir os valores culturais e as súas trazas máis salientables e significativas, impulsando o coñecemento do noso legado histórico e cultural e proporcionándolle á cidadanía novos elementos de identificación que vencellen as persoas co seu pasado e expliquen a transformación histórica do noso territorio.
A posta en valor e difusión inclúe non só visitantes e turistas, senón tamén o ámbito escolar, debido á vocación didáctica e divulgativa desta ruta.
«Trazas de Pontevedra» é unha invitación a que o visitante realice unha viaxe no tempo; a que percorra 3000 anos da Historia desta provincia.